Anuncios
Ticker de novas

Nigrán conclúe o curso de soldadura semiautomática co 40% dos alumnos xa traballando

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O alcalde de Nigrán, Juan González, entregou esta semana os diplomas acreditativos aos 15 alumnos que finalizaron con éxito o curso de “Soldadura semiautomática MAG/MIG para homologacións 2G e 3G” organizado dende o Concello. Un total de 6 persoas atoparon traballo xa antes de rematar na mesma empresa na que realizaron as correspondentes prácticas, cumprindo así o principal obxectivo, xa que se trataba dunha acción dirixida a desempregados e empadroados no municipio que tiveran, como mínimo, graduado escolar ou equivalente.

Precisamente, o curso foi deseñado dende os servizos técnicos do Concello a tenor das características das industrias de Porto do Molle e co obxectivo de adaptar a man de obra dos veciños ás posibles demandas laborais deste polígono. En total, investíronse 12.200 euros e se ofreceu de xeito gratuíto para os alumnos. “Realizaremos máis cursos deste tipo porque supoñen unha inmellorable ocasión de ampliar o currículo e, con elo, as oportunidades laborais dos desempregados nigraneses”, sinala o alcalde, Juan González.

O alumnado adquiriu os coñecementos teórico/prácticos do proceso de soldadura semiautomática MAG-MIG e pode ser acreditado a través das correspondentes homologacións da European Welding Engineer (EWF). A actividade tivo unha duración de 270 horas nas que se incluíron módulos específicos de prevención de riscos laborais e de prácticas en empresa.

Anuncios