A Xunta acometerá a ampliación do comedor do CEIP Serra Vincios o próximo curso

O Delegado Provincial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, confirmou esta mañá ao rexedor de Gondomar, Paco Ferreira, a intención do goberno galego de acometer as obras de ampliación do comedor do colexio de Educación Infantil e Primaria Serra Vincios o próximo curso académico.

Unha demanda que xa trasladou en reiteradas ocasións o alcalde Paco Ferreira á Xunta de Galicia. Segundo explicou ao rexedor poñeranse en marcha estudos técnicos para valorar a mellor opción entre, “actuar sobre o espazo que ocupa actualmente o comedor, tirando unha parede e retranqueando cara atrás, ou ben, reformando a antiga casa do conserxe”.

Por outra banda, tamén se comprometeu co rexedor de Gondomar a en breve visitar o comedor do colexio Souto Donas, “que necesita tamén ser ampliado de forma urxente tal e como vimos pedindo desde hai xa tempo”, manifestou Paco Ferreira, quen confía en poder chegar a un acordo coa Delegación Provincial de Educación respecto a esa ampliación.