Anuncios
Ticker de novas

A Deputación destina máis de 100.000 € para que 4.434 persoas participen no programa “Depotermal 2017”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar as bases reguladoras do programa “DepoTermal” para o ano 2017 e o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa. O orzamento de “DepoTermal 2017” ascende a 102.000 € e beneficiará a 4.434 persoas “de todos os concellos da provincia que desexen adherirse a este programa”, sinalou a Presidenta provincial. Ademais, 434 desas máis de 4.000 persoas poderán gozar da iniciativa sen ningún custo. A este respecto, Carmela Silva lembrou que “o ano pasado foi a primeira vez que se contemplaron as prazas gratuítas, xa que antes toda a xente que participaba nesta actividade tiña que aportar unha achega económica”.

Con “DepoTermal 2017” a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo fundamental mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, fomentando o envellecemento activo, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloran o seu estado anímico. Ademais, como sinalou Carmela Silva, “DepoTermal” tamén pretende “facilitar o acceso ao turismo de saúde e dinamizar a economía da provincia de Pontevedra, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, contribuíndo así a desestacionalizar a demanda”. Outro dos obxectivos do programa consiste en promover espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade.

O programa conta con dúas modalidades. En primeiro lugar, a modalidade diúrna oferta 1.248 prazas das cales “1.000 contan cunha subvención da Deputación de Pontevedra e outras 248 son totalmente gratuítas para persoas en situación de risco, exclusión social ou que contan con escasos recursos económicos”, sinalou a Presidenta da institución provincial. A diúrna inclúe o traslado con guía acompañante durante cinco días consecutivos, en quenda de mañá ou de tarde, a balnearios, talasos ou spas onde poderán gozar durante dúas horas como mínimo das súas instalacións.

Pola outra banda, a modalidade con pernoita oferta 3.186 prazas, “das cales 186 son totalmente gratuítas tamén para persoas en situación de risco, exclusión social ou que contan con escasos recursos económicos”, afirmou Carmela Silva. Esta opción inclúe o traslado e aloxamento durante cinco noites e seis días, en réxime de pensión completa, con entradas ás instalacións termais para desfrutar delas durante un mínimo de dúas horas diarias e con actividades de animación sociocultural, en establecementos con balneario, talaso e/ou spa da provincia de Pontevedra.

As persoas interesadas en acollerse a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra deberán cubrir o formulario de solicitude nun prazo de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación na web www.depo.es da lista de concellos adheridos a “DepoTermal 2017”.

Anuncios