Nigrán homenaxea a un veciño falecido no campo de concentración de Mauthausen

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán conclúe o xoves a mostra ‘Galegos en Mauthausen’ cunha homenaxe a Jaime Martínez Pereira, nigranés falecido no campo de concentración de Mauthausen-Gusen o 29 de decembro de 1941. Así, o alcalde, familiares e representantes da Asociación Galega de Amizade con Israel descubrirán o xoves ás 17.30 horas unha placa co seu nome na Praza Mestra Dona Manuela de A Porqueira (Panxón-Nigrán), o barrio da súa familia. Posteriormente, ás 18.00 horas no local da Asociación de Veciños de Monteferro-Panxón terá lugar unha charla con Francis Papiernik-Wolanowsky, residente en Vigo e filla de dous superviventes de Auschwitz-Birkenau. O Concello pecha deste xeito os actos que iniciou con motivo do Día Escolar da Paz e Non Violencia e o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto (o 27 de xaneiro).

O historiador Enrique Barreira Bieitia é autor do libro que inspirou a exposición «Galegos en Mauthausen» e que leva o mesmo título. Barreira documentouse recorrendo directamente aos arquivos de Mauthausen, nos que os nazis apuntaban o lugar e data de nacemento de cada recluso e lles asignaban un número de identificación. Este traballo identifica o tráxico destino do nigranés Jaime Martínez Pereira, falecido en Gusen en 1941 aos 24 anos (este campo de concentración atopábase ao este da cidade austríaca de Linz e dependía directamente de Mauthausen). El é o único veciño da comarca do Val Miñor que figura nestes documentos.

«Ata agora non se tiña constancia de ningún nigranés vítima do holocausto, así que é de xustiza que o Concello recorde ao seu veciño Jaime Martínez Pereira e, a través del, a todas as vítimas desa barbarie. Temos un compromiso coa recuperación da memoria histórica, é importante divulgar este episodio tan triste para que nunca se repita algo semellante», sinala o alcalde de Nigrán e historiador, Juan González.

Charla

Francis Papiernik-Wolanowsky é filla de dous retidos en campos de concentración nazis. O seu pai, Charles Papiernik, foi supervivente de Auschwitz-Birkenau e faleceu en setembro de 2007 aos 89 anos. A súa nai, Micheline Wolanowsky, naceu en París en 1925 e durante a II Guerra Mundial viviu permanentemente agochada con documentación falsa, mudando de residencia constantemente e escapando da persecución nazi na Francia ocupada, sen embargo, os pais e a súa irmá foron deportados a Auschwitz-Birkenau, onde foron asasinados. En 1943, Micheline foi contactada pola Resistencia francesa, coa que colaborou até a liberación. Foi en 1945 cando coñeceu a Charles Papiernik, con quen casou en 1948. Ambos dedicaron as súas vidas a preservar a memoria do Holocausto, dando a súa testemuña vital en diferentes lugares do mundo (no seguinte enlace de vídeo aparece Micheline Wolanowsky: https://vimeo.com/17564040).

‘Galegos en Mauthausen’

Nos campos de concentración («stalag») houbo 8.500 españois (300 deles galegos) e o 95% deles concentrouse en Mathausen. Case todos eles se alistaron no exército francés asinando un contrato «ata que a guerra remate». En 1940, co pacto de colaboración do Mariscal Petain con Hitler e xa presidiarios, perderon a protección do estado francés e o goberno de Franco negouse a facerse cargo deles, polo que Alemaña decidiu destinalos a Mathaussen tras ser declarados previamente apátridas (feito que Franco aceptou de bo grado). Case todos eles morreron no stalag antes do inverno de 1941/42, como é o caso de Jaime Martínez Pereira.