Gran éxito do primeiro Encontro de Consumo Responsable en Gondomar

Moitos veciños e veciñas do Val Miñor achegáronse este sábado ao primeiro Encontro de Consumo Responsable celebrado na Alameda de Gondomar. Produtos de horta, sementes, elaborados de mesa, mel, cremas naturais, pan, queixo, artesanía… foron a oferta que os compradores puideron atopar.

Este Encontro, que reúne a presentación e venda de produtos locais ou agroecolóxicos, está organizado pola Asociación «O Toxo» de Gondomar e impulsado pola Concellería de Comercio que dirixe Xosé Antón Araúxo.

Teñen vocación de continuidade e de progresiva consolidación e están programados quincenalmente para o segundo e cuarto sábado de cada mes, a partir das 10:30 horas. “Non esperaba que fose así o primeiro día, agora temos que conseguir consolidar o Encontro para dinamizar o comercio local, xunto con outras iniciativas”, sinala o concelleiro de Comercio.

Recollendo a progresiva sensibilización social e crecente demanda de produtos saudables, ecolóxicos, Gondomar é a segunda localidade da provincia en organizar Encontros de Consumo Responsable, acompañando á cidade de Pontevedra. Os outros puntos pioneiros en Galicia sitúanse en Compostela, Lugo, A Coruña e O Barbanza.

Este novo concepto de consumo e intercambio directo, sen intermediadores que adulteren produtos e prezos, quere propiciar o optimismo vital, o positivismo, por iso prográmanse actividades culturais diversas. Cada día será unha diferente: música, teatro, maxia…

Este sábado, o Encontro de Consumo Responsable contou con César Lema presentando o seu libro, “Buenaventurada la ‘maleza’ porque ella te salvará la Cabeza. Plantas silvestres” e coa actuación do grupo de gaitas “Os Swaroskys”.