Anuncios
Ticker de novas

O Camiño da Costa crece un 48% en Baiona con 1.600 peregrinos en 2016

Os esforzos realizados durante os últimos anos polo Concello de Baiona para promocionar e mellorar o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron pola vila nos últimos meses.

Así o demostran os datos da Oficina de Turismo de Baiona relativos a 2016. Segundo as estatísticas, o número de peregrinos que pasaron por Baiona o ano pasado foi de 1.640, cun crecemento do 47,9% con respecto ao ano 2015, cando chegaron un total de 1.109. En 2014, a cifra reduciuse a 1.065 e nas dúas tempadas anteriores apenas superaron as 500 persoas.

Respecto dos 1.640 peregrinos que chegaron a Baiona en 2016, un total de 405 procedían do territorio nacional (25%) e 1.235 foron estranxeiros (75%). A Oficina de Turismo recibiu varios grupos organizados realizando o Camiño Portugués pola Costa, sobre todo desde as provincias de Pontevedra, A Coruña, Sevilla e Conca.

En canto aos peregrinos internacionais, procedían de 42 países. Portugal (254), Alemaña (143), Irlanda (124), Estados Unidos (120, Polonia (117) e Italia (78) encabezan o ránking, aínda que tamén hai peregrinos de lugares tan diversos como Suecia, Sudáfrica, Corea do Sur, Noruega, Hungría, México, Lituania, Estonia, Nova Zelandia, Finlandia, Venezuela, Eslovaquia, Ucraína, Rusia, Romanía, Bulgaria, Grecia, India, Cuba, Emiratos Árabes, Perú, Xapón, Bielorrusia e Letonia.

Setembro, agosto e maio, por esta orde, foron os meses de maior afluencia de peregrinos e do total de camiñantes que pasaron pola Oficina de Turismo, o 23% aloxáronse en Baiona, tanto en hoteis e pensións como no Parador, e o 77% aloxáronse nos albergues situados nos municipios veciños.

En canto á información solicitada, gran parte dos peregrinos acudiron á oficina para selar a credencial (44%), seguido da solicitude de mapas da zona (20%) e información xeral de Baiona. Con respecto á forma na que chegan os peregrinos ao Camiño Portugués pola Costa, o 37% coñecen este camiño a través de internet, seguido daqueles peregrinos que xa realizaron outros camiños e deciden coñecer este trazado (20%). Destaca tamén a porcentaxe de peregrinos que realizan este camiño por recomendación de amigos ou familiares que xa o realizaron (14%).

Hai que destacar que a Oficina de Turismo non está situada exactamente no percorrido do Camiño pola Costa polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte dos datos reais.

Anuncios