Anuncios
Ticker de novas

A Asociación Chandebrito 1807 reclama o arranxo das deficiencias da escola infantil

FOTOS: ASOCIACIÓN VECIÑAL CHENDEBRITO 1807

O pasado día 7 de febreiro, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 remitiu solicitude ao Concello de Nigrán, reiterando instancias presentadas en novembro de 2015 e en maio de 2016 -entre outras datas-, e que se atopan sen contestar (ao igual que todas as outras que se lle remitiron), nas que se pedía a reparación das seguintes deficiencias observadas no terreo da escola infantil de Chandebrito, de titularidade do Concello de Nigrán:

– Diversas pranchas de cortiza no piso da planta baixa levantadas pola humidade dende hai máis de cinco anos, con risco de tropezar nelas e producir lesións (lateral leste).

– Enchufe queimado dende hai máis de cinco anos (parede leste da planta baixa) e cun mal funcionamento, con risco de producir curtocircuítos.

– Armario cunha porta rota dende hai anos.

– Carencia de aseos para o uso dos usuarios do baixo do inmoble, ao non ter acceso aos existentes no primeiro andar.

– Caixa de correo e contador do subministro eléctrico estragados dende hai moitos anos, causando serio risco de danos por cortes.

– Acumulación dunha gran morea de pólas dos piñeiros podados na parcela, moi próximas á edificación pola zona sur, que impiden o paso ao parque infantil e provoca risco de danos graves no caso de lume forestal.

– Valo metálico non suxeito suficientemente xunto á citada morea de restos forestais, ocasionando risco de caída cara a estrada, a varios metros de altura.

– Tobogán mal colocado, con inclinación incorrecta, formando poza de auga no mesmo ao chover, o que imposibilita a súa utilización.

– Cable de enerxía eléctrica practicamente pegado á randeeira, con risco de danos graves para as usuarias (sería preciso a colocación dun novo poste na estrada para evitar que pase por enriba do parque infantil).

A Asociación considera que o goberno municipal fai abandono de funcións ao someter ao abandono as referidas instalacións, podendo ocasionar facilmente danos e prexuízos derivados do mal estado e/ou deficiencia das mesmas.

Ademais de trasladarlle ao Concello o anteriormente exposto, esta Agrupación tamén lle fixo saber que de non obter resposta a esta petición nun prazo de dez días, remitirase queixa ao Valedor do Pobo, Dirección Xeral de Administración Local, Consellerías competentes da Xunta, á Comisión de Suxestións e Reclamacións, e Grupos municipais da corporación.

Anuncios