Anuncios
Ticker de novas

Gondomar inaugura este sábado os Encontros de Consumo Responsable

Produtos de horta, sementes, elaborados de mesa, mel, cremas naturais, pan, queixo, artesanía… serán a oferta que os potenciais compradores poden atopar.

Baixo o paraugas da denominación Encontros de Consumo Responsable, o sábado día 11 de febreiro comeza na Praza da Alameda de Gondomar a presentación e venda de produtos locais ou agroecolóxicos. Este Encontro está organizado pola Asociación “O Toxo” de Gondomar e impulsado pola Concellaría de Comercio que dirixe Xosé Antón Araúxo.

Teñen vocación de continuidade e de progresiva consolidación. Están programados quincenalmente para o segundo e cuarto sábado de cada mes. A hora de comezo estimada é as 10:30 na Praza da Alameda.

Cunha filosofía colaborativa presentan un carácter aberto a toda persoa que encaixe nos principios ou estatutos plasmados na Asociación O Toxo, legalmente rexistrada. Por tanto, poderán participar e sumarse a neste Encontro, produtores locais en ecolóxico e agroecolóxico.

Recollendo a progresiva sensibilización social e crecente demanda de produtos saudables, ecolóxicos, Gondomar será a segunda localidade da Provincia en organizar Encontros de Consumo Responsable, acompañando á cidade de Pontevedra. Os outros puntos pioneiros en Galicia sitúanse en Compostela, Lugo, A Coruña e O Barbanza.

Este novo concepto de consumo e intercambio directo, sen intermediadores que adulteren produtos e prezos, quere propiciar o optimismo vital, o positivismo, por iso se programan actividades culturais diversas. Cada día será unha diferente: música, teatro, maxia…

Concretamente este sábado teremos en Gondomar a César Lema presentando o seu libro, “Buenaventurada la ‘maleza’ porque ella te salvará la Cabeza. Plantas silvestres” e ao grupo de gaitas “Os Swaroskys”.

Anuncios