Extinguido o incendio de Baiona tras afectar a 46 hectáreas de arborado

A Consellería do Medio Rural informa que o incendio no concello de Baiona, parroquia de Baredo, deuse por extinguido ás 00:53 da madrugada. O lume orixinouse ás 00:39 de onte. Segundo as últimas medicións efectuadas, afectou unha superficie de 46 hectáreas arboradas. No seu control traballaron en total 1 técnico, 5 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 1 pa.

A Xunta de Galicia enviou motobombas e un tráiler cisterna. Pola súa banda o Concello de Baiona puxo ao dispor dos efectivos un camión cisterna e unha pa que estivo realizando traballos de cortafogos, executándose rozas, podas ou rareos, para interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente adecuados á continuidade do lume que devastaba o monte baionés. O GES do Val Miñor desprazou efectivos á zona e o seu camión.

Na madrugada do venres foron desaloxadas 8 vivendas pero a veciñanza xa está de volta na súas casas. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais nin materiais.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, informa á primeira hora deste sábado que o incendio declarado este venres “segue baixo control” e precisou que a intensidade do vento descendeu así como as temperaturas, co que tamén diminuíu o risco de que se reavive o lume. Aínda así, mantivéronse durante toda a noite de onte reténs constantes de bombeiros e de persoal da Garda Civil, xa que a superficie queimada no incendio é ampla e pode ser necesario continuar con labores de remate. “Debemos estar en alerta máxima”, explica o rexedor.

Por outra banda, o mandatario baionés quere volver agradecer en nome da localidade de Baiona o traballo e a entrega dos servizos de extinción de incendios, ao GES do Val Miñor, á Policía Local de Baiona, Garda Civil, Protección Civil Val Miñor e os operarios municipais que traballaron sobre o terreo en combater o lume que devastaba a parroquia de Baredo, así como a resposta “solidaria, rápida e desinteresada” dos baioneses e baionesas.

O rexedor eloxia o labor de todas as institucións, colectivos, veciños e veciñas afectadas polo incendio “que mostraron a súa solidariedade prestando a súa axuda de maneira voluntaria, dando exemplo de altura, consecuentes coa transcendencia dos feitos acontecidos no noso municipio”.

Desde o Concello de Baiona e a Consellería do Medio Rural lembran que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.