Anuncios
Ticker de novas

Mila López estreouse co maillot da Selección de Galicia vencendo no Jarama

FOTO: FEDERACIÓN GALEGA DE CICLISMO

A actual campioa de España da modalidade de ciclismo adaptado WH4 inaugurou na pasada fin de semana en Madrid o seu calendario neste 2017. Mila López participou na carreira solidaria “Juntos más lejos” no circuíto do Jarama. A baionesa subiu ao podio e fíxoo lucindo o maillot da Selección de Galicia que defenderá durante esta tempada.

Esta cita organizada pola Fundación También estivo marcada polas condicións meteorolóxicas. Os fortes ventos que se rexistraron durante os últimos días acompañaron aos participantes no percorrido de 10 quilómetros que a corredora galega cualificou de “duro e moi bonito”. “Para a altura do ano na que estamos atopeime bastante ben e iso que a primeira hora de mañá estiven a piques de non competir porque o tempo era realmente adverso”, comentou a gañadora.

Tras esta primeira toma de contacto, Mila continuará coa súa preparación de cara ao arranque da tempada oficial. A primeira data que ten subliñada en vermello na súa axenda é a do 26 de marzo, cando teña lugar en Tomelloso (Cidade Real) a primeira proba puntuable da Copa de España, un certame no que defende o título.

Esta campaña a ciclista de Baiona decidiu correr coas cores da súa selección autonómica despois de ter recibido unha beca da Federación Galega de Ciclismo. “A ver se este ano se anima máis xente da nosa terra con handbike a federarse. Outro desexo é que Galicia sexa o escenario dalgunha competición. Noutras zonas de España aproveitan a disputa de carreiras, por exemplo en Murcia a Copa de España de cadetes, e organizan probas da nosa modalidade sen ter que pedir outros permisos a maiores”.

Mentres agarda a oportunidade de rodar nas estradas da súa comunidade, Mila irá acumulando quilómetros en criteriums e citas populares que se celebran en Madrid e noutros puntos da península. Competicións nas que se reúne un bo número de handbikers e que lle serven de banco de probas para os seus grandes obxectivos do ano.

Anuncios