Anuncios
Ticker de novas

O 112 rexistrou un total de 3.571 incidencias desde o xoves ata o domingo por mor do temporal

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou desde o xoves, 2 de febreiro, ata este domingo un total de 3.571 incidencias relacionadas co temporal que afectou á nosa comunidade. Actualmente, o 112 deu por finalizadas as alertas por chuvia, vento, e fenómenos adversos costeiros, de xeito que Galicia pasou a nivel verde.

Segundo o último informe dispoñible, as incidencias máis destacadas durante estas catro xornadas foron a caída de árbores, pólas e cables de luz nas estradas; ademais doutros danos ocasionados pola situación meteorolóxica, como derrubamentos ou anegamentos.

Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi Pontevedra con 1.457; seguida da Coruña con 1.129; e Lugo e Ourense, con 549 e 436, respectivamente.

Por xornadas, o venres e o sábado foron os días que concentraron a maior parte dos avisos, con 1.553 e 1.315 respectivamente. Tanto o xoves como o domingo rexistraron cifras moi similares, cunhas 350 incidencias.

En total, desde o CAE 112 Galicia mobilizáronse un total de 10.652 recursos durante estes catro días. En concreto, 4.009 o venres; 3.121 o sábado; 1.921 o xoves; e 1.601 o domingo.

En canto ás incidencias no Val Miñor, en Baiona, a Policía Local tivo que cortar ao tráfico por seguridade a estrada PO-552, xa que ao redor das 19:00 horas do venres, coincidindo coa pleamar, as ondas superaron os nove metros de altura e comezaron a alcanzar a calzada á altura do Rompeolas. O mar tamén chegou a ocupar toda a superficie da Praia da Concheira, alcanzando a Avda. Ramón e Cajal e o parque da Palma. O temporal levantou ademais parte da cuberta do tellado da lonxa e causou danos nos pantaláns.

En Nigrán, a forte ondada arrastrou por completo o paseo de madeira da praia de Prado, na parroquia de Priegue. O persoal ao completo de Vías e Obras tivo que retirar árbores caídas en diferentes estradas e camiños, fundamentalmente nas parroquias interiores de Camos e Parada (nesta última veu abaixo un pequeno muro nun acceso a un camiño). Ademais, dúas árbores obstaculizaban a zona de aparcamento de autobuses do IES Val Miñor, fóra do recinto escolar. Os operarios tiveron que retirar múltiples sinais derrubadas polo vento, colectores… Ademais desatascaron cunetas e regatos co fin de evitar inundacións.

En Gondomar, varias pólas dunha árbore de grandes dimensións da Praza de Ángel Urzáiz, fronte ao Concello, precipitáronse provocando danos en tres vehículos que permanecían estacionados e afectando a dúas vivendas próximas. Na EP-2303, na contorna do Pazo de Villarés, varias árbores tamén se precipitaron sobre a calzada, unha delas golpeando a un vehículo que pasaba nese momento pola estrada.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.