Anuncios
Ticker de novas

Baiona amplía a súa oferta deportiva para nenos cun novo curso de iniciación á vela

A Escola de Vela do Monte Real Club de Yates de Baiona organiza un novo curso de iniciación á vela lixeira destinado a nenos de entre 7 e 12 anos que queiran aprender a navegar e gozar do mar na baía de Baiona. A actividade, para a que xa está aberto o prazo de inscrición, poñerase en marcha a partir do próximo mes de marzo.

Aínda que as clases son maioritariamente prácticas, para aprender a realizar manobras e tomar decisións no mar, tamén inclúen coñecementos teóricos para que os pequenos poidan familiarizarse coa nomenclatura náutica, as partes da embarcación e o seu funcionamento, e os conceptos básicos da navegación a vela.

O curso impartirase nas instalacións do Monte Real Club de Yates, situado no recinto do Parador Nacional de Baiona, e a navegación realizarase en augas da baía baionesa. Ademais dunha aula para impartir clases teóricas, o club dispón de vestiarios para ducharse e cambiarse, e un almacén para gardar todo o material e os equipos que se lles facilitan aos alumnos.

Ao longo dos últimos anos, centos de nenos e nenas de toda a comarca do Valmiñor pasaron polas instalacións do Monte Real para participar nalgún dos cursos da Escola de Vela, nos que ademais de recibir formación náutica, poden compartir experiencias con outros compañeiros mentres gozan de bos momentos no mar.

Para inscribirse neste novo curso ou recibir máis información sobre esta ou outras actividades, pódese chamar aos teléfonos 986 385 000 e 625 261 586 ou enviar un email a escuela@mrcyb.com. O curso ten un custo de 30 euros ao mes, un prezo que inclúe o uso da embarcación e o chaleco necesarios para saír á auga.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.