Martín Otero: «Seguiremos dando guerra para converter o antigo Mercado en Centro Social»

Martín Otero tentará revalidar o seu cargo na Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís para continuar presidindo a entidade catro anos máis. Polo momento non existe ningún outro candidato ás eleccións que se celebrarán o vindeiro domingo 12 de febreiro.

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira renaceu en 2013 para defender os intereses sociais, veciñais e culturais. Martín Otero, de 37 anos e nado en Sabarís, é o presidente máis novo, xa que habitualmente adoita ser xente xubilada, e dedica parte do seu tempo, renunciando ás veces ao lecer e á familia. “É gratificante e síntome fenomenal por poder axudar aos demais e facer o ben na parroquia”, asegura.

“Estes catro anos presidindo Castro e Ladeira ensináronme que é imprescindible e necesario que siga funcionando esta asociación”, indica Martín, que engade que se sente orgulloso de representar “a parroquia máis importante do Concello, con tantos habitantes e moito comercio e a mellor praia”.

“Sen carecer de subvencións, simplemente das cotas dos socios, e sen centro social, que foi a miña motivación para reactivala naquel momento, percorrendo casa a casa para volver facer socios, foi difícil comezar de cero e sen experiencia, pero estamos aquí para contalo”.

Agradece aos colaboradores e os compañeiros de directiva por confiar nel e convida a seguir colaborando. Así mesmo, fai un chamamento aos máis novos para formar unha área xuvenil.

Coa experiencia para o próximo mandato, se é reelixido, adianta que “seguiremos dando guerra”, con proxectos pendentes como converter o antigo Mercado de Abastos de Sabarís en Centro Social, para o que xa solicitaron axuda a todas as administracións, presentando ademais un anteproxecto elaborado por dous arquitectos.

“Gustaríame que o fixesen na maior brevidade posible, xa que estes últimos catro anos non incluíron nos orzamentos municipais nin unha partida para o proxecto, pola contra xa estaría a día de hoxe feito na súa totalidade ou en parte”, incide. A parroquia de Santa Cristina da Ramallosa é a única da comarca que non dispón dun Centro Social e Cultural.

Para os próximos catro anos, tamén lle gustaría que se continuase co saneamento que falta, e outro reto, conseguir que a Casa Rosa ou Centro Antena permaneza aberto e póñase en valor, xa que é o único do municipio, “e pódese explotar en todos os sentidos, o exemplo para seguir é o de Nigrán, ao que acode xente de Baiona”.

A nivel cultural, a Asociación realiza multitude de actuacións e eventos, destacando as festas gastronómicas e as excursións, moi demandadas polos veciños. “Seguiremos na mesma liña”, afirma.

“A nivel social seguiremos colaborando co Banco de Alimentos e coas actividades para discapacitados, como a ruta de quads que facemos desde fai tres anos. Tamén temos dous proxectos pendentes que cando estean concretados desvelaremos”, conclúe.

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.