Anuncios
Ticker de novas

A Deputación incluirá máis de 1.000 prazas gratuítas e subvencionadas nos seus programas sociais

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, mantivo no Museo de Pontevedra unha xuntanza cos concellos da provincia, e en concreto cos alcaldes e alcaldesas máis as persoas responsables dos seus servizos sociais, para presentarlles as máis de 1.000 prazas gratuítas e subvencionadas que o servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra inclúe nos distintos programas sociais que se desenvolverán ao longo de todo este ano 2017. A xuntanza tivo como obxectivo difundir e informar da existencia destas prazas, así como detectar e seleccionar potenciais persoas usuarias dos servizos sociais para quen estas prazas poidan resultar un beneficio social.

A Deputada provincial Digna Rivas asegurou que “este Goberno ten como prioridade a cohesión social, baseándonos nunha filosofía moi clara: os dereitos e a igualdade das persoas para poder acceder aos servizos, pero non en criterios de beneficencia”, para o que “elaboramos políticas para todas e todos, co obxectivo de que todas as persoas da provincia, vivan onde vivan e independentemente dos seus recursos, teñan os mesmos servizos”.

Rivas puxo en valor o alto número de prazas gratuítas e subvencionadas (situadas en arredor de 1.150) que incluirán os programas do servizo de Cohesión Social e Xuventude durante este ano 2017. A Deputada de Cohesión Social e Xuventude lembrou que este ano o programa de alternativas de lecer e convivencia “En Ruta coa Depo” (cun investimento de 260.000 €) destinado ás entidades sociais da provincia contará por primeira vez con 400 prazas gratuítas, dun total de 20.000 (1.700 máis que o ano pasado), destinadas a persoas en situación ou risco de exclusión social e/ou con escasos recursos económicos.

Ademais, os campamentos de verán “Depo Aventura A Lanzada” (cun investimento de 240.000 €) contarán con 300 prazas gratuítas dun total de 2.200, distribuídas entre 260 reservadas aos concellos para menores en situación ou risco de exclusión social (cada vila terá un número asignado segundo a súa poboación), 25 a menores do Centro Príncipe Felipe e outras 15 para menores en situación de tutela ou garda administrativa noutros centros da provincia. No caso do programa de termalismo “DepoTermal”, resérvanse 434 prazas subvencionadas, dun total de 4.434, que irán ata 100 € por persoa no caso da asistencia diúrna e 200 € por persoa na modalidade con pernoita. Esta actuación ten un investimento de 102.000 €.

Digna Rivas tamén salientou que durante este ano 2017 a Deputación volverá contar cos programas “Depo en marcha”, “Depo RÚArte” e “Tecendo lazos” e, ademais, segue a prestar importantes axudas de carácter social aos concellos a través do cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais (co seu maior reparto inicial, de máis de 2,2 millóns de euros), as axudas básicas de emerxencia, o servizo de teleasistencia (que aumenta en 16.500 € ata situarse nos 70.000 €) ou as liñas de subvencións ás entidades con carácter social e sen ánimo de lucro por valor de 864.000 € (un 23% máis que en 2016).

2017-02-04-img_9805-001

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.