Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán disputará os seus partidos oficiais no Pavillón de Gondomar tras un acordo co Concello

O CB Nigrán chegou a un acordo co Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Deportes, para poder disputar alí parte dos seus partidos oficiais de liga mentres se realizan as obras no Pavillón Municipal de Panxón. O club de baloncesto dispoñerá do Pavillón Municipal de Gondomar os domingos en horario de tarde (franxa na que non conta con actividade programada) para poder disputar partidos oficiais das diferentes categorías. A semana pasada operarios do Concello de Gondomar realizaron o pintado do campo de xogo de acordo á normativa vixente e este xoves, representantes da Federación Galega de Baloncesto, visitaban as instalacións para certificar que as medidas do campo están actualizadas e homologar así a pista.

Con esta pista de xogo e a pista do Pavillón do CPI de Panxón, onde disputaban xa algúns partidos, o CB Nigrán poderá cumprir o calendario de xogo mentres non finalizan as obras no Pavillón Municipal de Panxón.

Desde a directiva do CB Nigrán agradecen ao Concello de Gondomar e en especial á concellería de Deportes a boa dispoñibilidade mostrada desde o primeiro momento en que se lles expuxo a situación.

Con respecto aos adestramentos, o CB Nigrán trasladou algunhas sesións ao colexio Divino Salvador, ao que agradecen tamén a colaboración co club. O resto de adestramentos manterase no Pavillón do Colexio de Panxón.

Desde o momento en que o Concello de Nigrán comunicou aos clubs o inminente inicio das obras do Pavillón mantivéronse varias reunións para buscar unha solución á imposibilidade de xogar e adestrar no mesmo durante meses. Ante a enorme dificultade de atopar pistas alternativas no mesmo Concello os diferentes clubs tiveron que realizar xestións cos responsables das instalacións dos Concellos limítrofes.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.