Anuncios
Ticker de novas

Gondomar prepara o seu concurso de comparsas de entroido

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Concellería de Cultura dirixida por Nuria Lameiro convocou o concurso de comparsas de entroido, cuxos premios son unha axuda de 1000 € para a gañadora, 800 € para a segunda clasificada, 600 € para a terceira, 6 axudas de 350 € e outras 6 axudas de 200 € para as seguintes clasificadas.

O desfile celebrarase o día 26 de febreiro a partir das 16:00 horas circulando polas principais rúas de Gondomar. Un xurado composto por 7 persoas será o encargado de elixir os gañadores, tendo en conta detalles como o vestiario, a maquillaxe, a escenografía e a música en directo. Non está permitido que participen cabalos ou outros animais no desfile.

O mínimo de participantes de cada comparsa é de 20 persoas, este mínimo deberá estar composto por maiores de 18 anos. As comparsas interesadas terán que inscribirse no rexistro do Concello a través da Sede electrónica, o prazo termina ás doce da madrugada do día 12 de febreiro. A documentación que deben achegar cada un dos grupos varía no caso de que se presenten como comparsas de agrupacións xa rexistradas ou como agrupacións informais.

No caso das primeiras, as agrupacións deberán acreditar que se atopan rexistradas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, ademais da documentación: DNI do representante legal, CIF da entidade, declaración xurada de non perseguir fins lucrativos coa devandita actividade, certificar que se atopan ao corrente das súas obrigacións fiscais e un orixinal de certificado de conta bancaria.

As comparsas de agrupacións informais unicamente deberán presentar o certificado da conta bancaria orixinal, fotocopia do DNI do representante e o Anexo 1 asinado e cuberto. Neste caso a documentación poderá entregarse, ademais da través da Sede electrónica, de forma física no Rexistro do Concello.

Esta información está dispoñible na páxina Web do Concello de Gondomar.

Os grupos pre-inscritos serán convocados, unha vez confírmese a súa participación, a unha reunión no Concello o día 20 de febreiro ás 19:00 horas, para informar os responsables de cada grupo dos pormenores do desfile.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.