
O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou entre as 00:00 horas e as 18:00 horas do xoves un total de 356 incidentes relacionados co temporal que está a afectar á nosa comunidade.
O incidente máis habitual é a caída de árbores e polas en estradas. Contabilizáronse ata 196 incidentes deste tipo. Séguelle de lonxe a presenza de restos e obxectos na vía, con 32 avisos xestionados. Por último, cabe destacar que o 112 Galicia xestionou 18 incidentes relacionados con problemas ou caídas de cables da luz nas estradas.
Por provincias, a de Pontevedra é a máis afectada, con 132 incidentes. Na Coruña contabilízanse 130, mentres que Lugo e Ourense rexistráronse 54 e 40 incidentes, respectivamente.
En Baiona, a Policía Local tivo que cortar ao tráfico por seguridade a estrada PO-552, xa que ao redor das 19:00 horas, coincidindo coa pleamar, as ondas superaron os nove metros de altura e comezaron a alcanzar a calzada á altura do Rompeolas. O mar tamén chegou a ocupar toda a superficie da Praia da Concheira, alcanzando a Avda. Ramón e Cajal e o parque da Palma.
Be the first to comment