Anuncios
Ticker de novas

O BNG de Nigrán reclama a convocatoria da mesa de diálogo sobre a futura biblioteca municipal

O BNG reclama que se convoque a comisión creada no seu día polo pleno para tratar, de xeito oficial, a situación da biblioteca de Nigrán e os seus posibles emprazamentos e características. “Facémolo para que sexa un encontro rigoroso e serio, no que se avance sobre o proxecto para dotar á nosa localidade dun equipamento sociocultural á altura da súa poboación”, sinala Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG de Nigrán.

“Esta é a razón pola que decidimos tamén non formar parte da reunión informal de grupos políticos convocada este mércores, por entender que responde máis ao interese dalgún grupo por aparecer nos medios como promotor que a unha verdadeira intención de avanzar efectivamente sobre a cuestión, tal e como se desprende do feito de vernos sorprendidos por unha nota pública que intenta instrumentalizar en beneficio propio unha xuntanza de todos”, engade.

O BNG quere lembrar que xa no seu programa electoral defendían a creación dun centro sociocultural municipal que debera, dunha vez por todas, resolver as múltiples carencias existentes no municipio para dispor dun lugar de referencia que cumpra con diversas funcións culturais, conteña espazos polivalentes para distintos perfís de actividade e permita a realización de actos nos exteriores.

Un local que debe, cando menos, permitir espectáculos escénicos nun auditorio de tamaño medio, contar con espazos para a celebración de mostras e exposicións, lugar para a biblioteca pública, unha sala audiovisual, pequenas salas de reunión e mesmo algunhas salas para ensaios de actividades.

“Non temos, polo tanto, que improvisar ningunha posición ao respecto, nin interese algún en abandeirar unha cuestión sobre a que posiblemente fomos a formación máis clara nos programas que se presentaron ás eleccións. É por iso que queremos que o contraste de opinións se faga nun marco institucional no que adquiran algún valor os posibles acordos ou mesmo os desacordos que puidesen existir”, conclúe o portavoz nacionalista.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.