Anuncios
Ticker de novas

A Arribada estrea vaso conmemorativo reciclable

O Concello de Baiona vén de presentar o modelo homologado e oficial do que será o vaso conmemorativo da XXII Festa da Arribada, que se celebrará como é de costume a primeira fin de semana de marzo (días 3, 4 e 5).

A concelleira de Cultura, María Iglesias, acordou nunha xuntanza cos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) unificar os envases que utilizarán todos os establecementos. Desta forma, quedarán eliminados tanto os vasos de cristal como os de barro que se viñan empregando ata agora e dende esta edición haberá un envase de cartón ou papel reciclado para todos os negocios.

Con esta medida, por unha banda unificarase a imaxe da festa, pero sobre todo, facilitarase a recollida do lixo, posto que tanto os cristais coma o barro ensucian moito e complican bastante máis a reciclaxe que o papel.

Máis novidades

Ademais, a proposta de Aceba acordouse a creación dun circuíto peonil de sentido único polas rúas máis céntricas da Vila. A aglomeración de visitantes provoca todos os anos que a circulación dos peóns sexa complicada, polo que o Concello e os empresarios acordaron sinalizar unha ruta de dirección única que aparecerá indicada en todos os mapas e os programas da festa.

Así mesmo, o Concello decidiu consolidar este ano o venres coma día de apertura da Festa da Arribada, declarada de Interese Turístico Internacional, e acordou cos empresarios do Casco Histórico ampliar o horario do mercado. Desta forma, a hora de peche do sábado será ás 12 da noite, aumentando unha hora respecto ao ano pasado, cando os postos de comida e artesanía tiñan que estar pechados dende as 11 da noite.

O prazo de solicitudes para participar no Real Mercado permanecerá aberto ata a próxima semana.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.