Sin categoría

O PP de Nigrán reclama ao alcalde que someta a votación a novo PXOM

O Partido Popular de Nigrán solicitou a convocatoria dun Pleno Extraordinario para instar o alcalde Juan González a presentar en pleno municipal, coa maior celeridade que permitan os prazos legalmente establecidos, o novo Plan Xeral de Ordenación Urbanística para sometelo a votación.

María José Pino, portavoz municipal do Partido Popular, lembra ao rexedor que, no ano 2013, baixo un goberno do Partido Popular presentouse un proxecto de Plan Xeral para o Concello, chegando a expoñerse aos veciños e veciñas do municipio no propio salón de plenos da Casa do concello. “Este proxecto foi duramente atacado polo entón líder da oposición e actual alcalde de Nigrán Juan González, o cal denunciaba opacidade no mesmo, así como a existencia de intereses especulativos, os cales se demostraron sobradamente falsos”.

Así mesmo, Pino lamenta que unha vez alcanzado o goberno, o Partido Socialista decidiu reformular completamente o proxecto existente (con varios cambios de empresa redactora incluídos), o que supuxo un atraso de, ata o momento, máis de 10 anos. “Durante este intervalo de tempo, o proceso de redacción do PXOM estivo marcado por unha absoluta falta de transparencia por parte do goberno local, o cal chegou mesmo a negar o acceso á documentación deste aos demais grupos municipais, dilatando a exposición pública do mesmo”.

“Durante os últimos meses, desde o goberno local realizáronse unha serie de reunións informativas polas parroquias do Concello, nas que se trasladou aos veciños e veciñas unha información do novo Plan Xeral de xeito evidente inexacta e nesgada, co fin de acalar as críticas ante a neglixente xestión mostrada. A xuño de 2024, e coa totalidade dos informes técnicos e sectoriais dispoñibles, desde o Grupo Municipal Popular non se entende a actual situación de parálise na tramitación do Plan, unha normativa da que dependen aspectos clave para o municipio como a ordenación do territorio e a seguridade xurídica os seus habitantes”, conclúe Pino.