A campaña “Quere o teu mercado” chega de novo ás prazas de abastos de Sabarís e Baiona

As prazas de abastos de Baiona volven a converterse un ano máis na referencia para a mellor alimentación e produtos de calidade coa maior garantía. Diferentes actividades contribuirán a facer das prazas non só un referente comercial, senón tamén un espazo de lecer e aprendizaxe, con numerosos agasallos coas compras do día ata o final da campaña.

Este venres, día 24, comezará na Praza de Baiona, e o próximo luns día 27 en Sabarís, a campaña «Quere o teu mercado», organizado pola Secretaría Xeral de Comercio da Xunta e o Concello de Baiona. O proxecto volve a ser unha firme aposta por apoiar á economía local e de base na que os praceiros teñen un protagonismo fundamental.

“Novamente iniciativas como esta, buscan dinamizar estes espazos achegando á cidadanía para potenciar a compra de produtos locais, ademais de poñer en valor un bo facer de grandes profesionais, e sen dúbida o trato próximo cos clientes”, explica a concelleira de Comercio, Natalia Figueroa.

Esta campaña consistirá na realización dun Showcooking tanto na Praza de Baiona (venres 24) coma na de Sabarís (luns 27) no horario de 11:30 a 12:30 horas.