O Concello de Nigrán e a Asociación de Violoncellistas de Galicia (Soncello) ofrecen o mércores 3 de xullo ás 21:00 horas o segundo concerto do V Curso de Verán na Igrexa de Santiago de Parada. Carolina Landriscini e Jorge Suárez interpretarán a Suite III BWV1009 en Do Maior para cello só de J.S. Bach e a Suite para violoncello só de G. Cassadó respectivamente.
As instalacións do CEE de Panxón serven de novo para que durante unha semana os mellores violoncellistas de Galicia celebren o seu encontro anual. “Soncello danos unha oportunidade única para recibir a cellistas de toda Galicia e desfrutar da súa música”, declara o alcalde, Juan González.

