O baionés Brais Costas Fragueiro é un dos 106 universitarios que finalizaron os seus estudos no ano 2023 galardoados cos Premios Fin de Carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que celebrou o acto de entrega dos recoñecementos correspondentes aos cursos 2021/2022 e 2022/2023 o pasado xoves na Cidade da Cultura, sumando un total de 209 estudantes galardoados polos seus expedientes sobresalientes.
Brais Costas, veciño de Baredo que finalizou o Grao en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago, recibiu como todos os premiados unha achega económica por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 3.500 euros e un diploma acreditativo.
Dos 103 universitarios recoñecidos que finalizaron os seus estudos no ano 2022, o 61% son mulleres e, do total de galardoados, 45 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela. A Universidade de Vigo, pola súa banda, é a segunda con máis presenza con 37 premios, mentres que 21 pertencen á Universidade da Coruña.
Dos 106 universitarios galardoados que finalizaron os seus estudos no ano 2023, o 62% do son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña.
Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñería e Arquitectura.

