O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Goberna, xunto a algúns dos representantes das orquestras que actuarán este ano, presentou unha nova edición das tradicionais festas de San Bieto, que terán lugar dende o mércores 10 de xullo ata o domingo 14 de xullo, e nas que haberá música de todos os estilos, baile, atraccións para todas as idades, un Entroido de Verán e unha festa Holi (festa de cor), entre outras moitas actividades.
As festas de San Bieito comezarán o mércores 10, día de San Cristovo, coa Caravana Motorizada que sairá dende a parroquia de Couso para dirixirse á Praza Paradela, onde ás 12:00 horas terá lugar a misa na honra deste santo, e que tras varios anos recupera a súa situación na Praza do Concello. Ao remate da misa procederase á bendición dos vehículos participantes e todos aqueles que queiran recibir unha bendición que é unha das tradicións máis arraigadas destas festas. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas na Alameda de San Bieito, terá lugar unha gran verbena amenizada polo grupo La Banda de Ayer e pola orquestra KUBO.
O xoves 11, festivo local en Gondomar, celebraranse os diferentes actos relixiosos na honra de San Bieito, así dende as 7:00 e ata as 13:00 horas en horario de mañá e de 17:30 a 21:30 horas en horario de tarde, haberá liturxias cada hora na Igrexa de San Bieito, sendo o acto principal a Misa Maior que terá lugar ás 12:00 horas, seguida de procesión acompañada pola Agrupación Musical do Val Miñor, que ofrecerá un pasarrúas ás 11:30 e un concerto ao finalizar a procesión na Alameda de San Bieito. Este segundo día de festas a música e o baile correrán a cargo da orquestra La Fórmula, que realizará dous pases dende as 22:30 horas no escenario situado na Alameda.
Outra das tradicións destas festas son as Poxas de San Antonio, onde a veciñanza realiza doazóns de distintos artigos e produtos para ser poxados e que terán lugar no adro da Igrexa de San Bieito o venres 12 ás 18:00 horas. Ese día a misa será ás 20:30 horas na honra de San Antón, e xa pola noite a partir das 22:30 horas, os encargados de amenizar a festa serán en primeiro lugar o cantautor e guitarrista gondomareño Rubén de Lis e despois a orquestra Pontevedra.
A xornada do sábado arrancará ás 20:00 horas na Praza Paradela co Certame de Bandas no que participarán a Banda da Agrupación Musical de Vincios e a Banda de Música de Arcade. Esa noite, ás 23:00 horas, a banda La Patrulla subirase ao escenario da Praza Rosalía de Castro para animar aos asistentes cunha selección de versións e de temas propios.
Unha das novidades deste 2024 chega o domingo 14 coa celebración do Entroido de Verán. Dende as 12:00 da mañá, distintas asociacións culturais e de veciños de Gondomar realizarán animación de rúa, xogos e obradoiros e distintas actividades que encherán de música e cor as rúas e prazas da vila. O colofón será a Holi Day Party, unha festa onde o po de cores, a música, o baile e o bo humor serán os protagonistas, e que terá o seu epicentro no Parque de Ánimas a partir das 19:00 horas.
O alcalde de Gondomar, aproveitou a presentación para destacar “o carácter por un lado tradicional e relixioso dunha das festas que máis xente achega á nosa vila, e por outro lado unha parte festiva e de lecer que este ano amplíase un día máis coa celebración dun Entroido de Verán que encherá as rúas de Gondomar de música e cor”. O rexedor local tamén destacou a “excepcional calidade dos grupos musicais e das orquestras que este ano amenizarán as festas, e a variedade da oferta programada pensada para público de todas as idades”.


