Sin categoría

O Baiverán ofrecerá máis de 150 actividades para todas as idades

O Concello de Baiona deu a coñecer este xoves a programación Baiverán 2024, que ten como obxectivo fundamental dinamizar a tempada estival na Vila. Ao acto de presentación asistiu a Concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, e o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa. Tamén interveu o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña Chamorro.

O Baiverán 2024 inclúe máis de 150 actividades: concertos e actuacións musicais, monólogos, contacontos, espectáculos familiares, ciclos de conferencias, charlas, veladas musicais e literarias, festas populares, festivais de música, exposicións, visitas guiadas e actividades populares realizadas polos distintos colectivos e asociacións baionesas e tamén do Val Miñor. Entre as actuacións musicais destacan bandas, grupos, tríos e solistas como Tonichi y Pacheco, Los del Barro, The Mirror, Los Íberos, Pablo Alonso, Vilamariachi & Marieta, Patinamá, Micalip’s, Los Lunes al Sol Vigo, DSYPL Demasiadas Sombras y Pocas Luces, Wondercovers, Llorente&Tribu, Carla Gil, Cherry Sweet, Bela & Charlo, Diego Caride, Los Sergios, Threee Roosters, Diego e Mom, Mettro Pop Rock, Vintage Modern, NoAllkansas ou The BlackStones.

Estarán presentes tamén as Asociacións Culturais de Baiona como vén sendo costume, que nos deleitarán cos seus repertorios estivais: a Coral Polifónica A Cela de Baredo, a Coral Polifónica Baiona A Real, o Coro de Homes Voces Baionesas, a Coral San Lourenzo de Belesar, Baiona Bay, a Banda de Música de Baiona e ademais, a Coral Novos Aires de Nigrán. Actuacións folclóricas como a Asociación Folclórica Vila de Baiona, Airiños da Lagoa de Baíña, Abóbriga, A Seneira, Ardelume etc. Festivais de Danza como o do Centro Cultural de Baíña, das Escolas de Baile Giro’s de Baíña, Dando la Nota de Baiona ou LDanzia, Asociación DanzArte e Paradela, todas elas de Gondomar.

Risa e humor cos habituais monólogos estivais con Bianca Kovacs, Pepo Suevos, Tito Rober, Miguel Miguel etc. Grandes espectáculos musicais con Roi Casal a través de +Música da Deputación de Pontevedra, Catuxa Salom a través de Cultura no Camiño-AGADIC, Burlesque, o show de Cristian de Samil, Verbena Sinfónica a cargo de Antonio Barros e a Banda de Música de Baiona e xa en setembro o Grupo Ritmo na Romaría de San Cosme e San Damián.

Tamén se poderá gozar de novos festivais como o Entre Playas Sunset Festival no Parque da Pama, con DJ’s de recoñecido prestixio como Michenlo ou Groove Amigos, e DJ’s locais como Yaggo e Vince Stone. Estrearase á súa vez un festival musical na Praia Barbeira, un festival flotante que se desenvolverá na auga e do que se desvelarán proximamente os artistas participantes, ademais da segunda edición do Festival Peregrino Encontros no Camiño. O Pequefest con xogos tradicionais e moita música e diversión para os máis pequenos e como novidade, este ano se levará ás parroquias, como a Festa da Escuma con esvaradeiras e tobogáns, a Festa Holi con pos multicolores e disco móbil.

No que respecta ás festas patronais, contarán con orquestras de renome como Grupo América e Panorama, que estarán no Parque da Palma o 16 e o 17 de xullo con motivo das festas da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Santa Liberata acollerá o 20 de xullo, día da festividade da filla ilustre da vila, Tributo a Juan Pardo, patrocinado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo que contará con Lis Pardo, Antonio Barros e Fernando Calderón. La Fórmula, Cinema, Solara e Charleston estarán nas festas patronais da Virxe da Anunciada, no Parque da Palma o 2, 3, 4 e 5 de agosto.

O programa complétase con exposicións de pintura, fotografía e escultura e un ciclo de conferencias con charlas e coloquios con relatores de proxección nacional e internacional, todo no Multiusos de Sabarís. Baiona tamén ofrecerá este verán roteiros culturais para coñecer a súa historia, a arte, a astronomía e a súa arqueoloxía, ademais de roteiros turísticos e visitas guiadas que darán a coñecer todos os encantos e recunchos do municipio. Finalmente, celebraranse veladas musicais e literarias en homenaxe ao escritor Gonzalo Torrente Ballester no XXV Aniversario do seu falecemento.

“O noso obxectivo principal é brindar tanto aos veciños, as persoas visitantes, como aos turistas, a oportunidade de gozar dun verán excepcional nun lugar que se distingue pola súa excelencia turística nas Rías Baixas. Queremos que todas as persoas visitantes mergúllense na rica cultura e tradicións do noso municipio, e para logralo, preparamos un programa diverso. O Baiverán presenta unha ampla gama de actividades culturais para todos os gustos e nutrimos dita programación co noso talento e artistas locais. Tamén cos colectivos e o talento de nosas cinco parroquias. Tamén pretendemos que esta oferta complementaria teña un importante impacto económico tanto para a hostalería como para o comercio local. Pretendemos impulsar así a economía local e crear novas oportunidades de negocio”, destacou o alcalde de Baiona durante a súa intervención.

Todo iso posible grazas á colaboración de asociacións como ACEBA, de asociacións culturais e folclóricas da vila, a institucións públicas que patrocinan a través do Plan +Provincia 2024 ou do +Música, ambos da Deputación Provincial de Pontevedra, ou o programa Cultura no Camiño-AGADIC da Xunta de Galicia en Concellos polos que discorre o roteiro Xacobeo. Todos xuntos, dan cobertura económica a toda a programación Baiverán que o Concello de Baiona dá a coñecer e que abarca desde mediados de xuño ata finais de setembro, catro meses completos de lecer e diversión para todos os públicos.

PROGRAMA BAIVERÁN