Nigrán abre o prazo de presentación de candidaturas para optar ao III Plan de Becas Municipal

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Titulados participantes no Plan de Becas.

O Concello de Nigrán abre dende hoxe ata o 30 de abril o prazo de presentación de candidaturas para o terceiro Plan de Becas Municipal, aumentando nesta edición a sete o número de beneficiarios (sempre estivo dirixida a 6). Todas as bolsas son para empadroados no Concello e están destinadas á formación de auxiliares administrativos nos diferentes departamentos municipais, sendo unha das principais novidades desta convocatoria a ampliación do número de titulacións aceptadas, así, establécese que a mínima requirida sexa Ciclo Medio de Xestión Administrativa, aceptándose o ciclo superior da rama de FP de “Administración e Xestión” e incorporándose por vez primeira como válidas titulacións universitarias da rama xurídico, laboral ou económico-empresarial. «Este aumento do abano de titulacións responde á que nos anos anteriores, cinguíndonos só aos ciclo medios de Xestión Administrativa e Superior de Administración e Finanzas, non obtivemos candidatos suficientes para cubrir as prazas e, en cambio, quedaron fóra interesados con titulacións universitarias igualmente válidas para desenvolver as tarefas habituais do Concello», explica o alcalde, Juan González.

As bases foron publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia (tamén están a disposición dos interesados na Sede Electrónica) e, como nas anteriores edicións, poderían optar ás becas titulados do municipio que se atopen en situación de desemprego e non exerceran nunca no seu eido de estudos, sendo a duración de 6 meses prorrogables a outros 6 e as condicións económicas de 800 € brutos ao mes en xornada completa. Os titores serán os funcionarios responsables de cada ámbito.

O Departamento de Desenvolvemento Local (986 365 000-Extensión 7 ou tle.nigran@nigran.org) ofrece maior información ao respecto a todo aquel interesado en presentar a súa candidatura.

«Tendo en conta a dificultade para acadar un emprego hoxe en día, dende o Concello temos o deber de facilitar a adaptación dos desempregados de Nigrán ao mercado laboral ampliando a súa experiencia e formación», resume o alcalde, Juan González. Así, o obxectivo final é que os beneficiarios acaden unha importante vantaxe competitiva á hora de optar ás distintas ofertas laborais existentes tanto na administración pública como na empresa privada. Partindo destas premisas iniciais, o Concello de Nigrán, consciente da situación laboral que está a vivir boa parte da sociedade, ten posto en práctica distintos mecanismos para contribuír a mellorar a inserción dos seus veciños, sendo a convocatoria destas becas un paso máis neste mesmo senso.