Este domingo celebrouse con moi bo día e moita xente a pé e dacabalo o curro de San Cibrán en Donas, que se desenvolve no lugar das Lagoas de Cereixo, nos montes da Groba. Trátase do segundo dos curros que se desenvolven en Gondomar, e nesta edición “baixáronse” unhas 90 cabezas -20 poldros deste ano e 70 adultos e subadultos, con dous garañóns-.
A pesar de ser o máis novo, o desenvolvemento do curro de San Cibrán mantén moitas semellanzas con respecto aos outros curros tradicionais da Serra da Groba. O elemento, quizais, máis diferenciador, é que a baixa se realiza guiada por un “cordón”, que conduce ás burras polos dous quilómetros de baixa.
O día do curro, pola mañá cedo, os besteiros proceden a bater o monte para xuntar as greas no lugar da parada. A continuación realízase a baixada. Este roteiro é un dos de máis altitude do Val Miñor; comeza no alto de Pedras Miúdas en Pinzás (Tomiño) desde o lugar de Campo Redondo. As burras procedentes dos montes de Baiona, Oia, O Rosal, Tomiño, Gondomar e da Serra da Groba, son conducidas a través dunha ampla chaira.
Xa no curro procédese aos labores tradicionais de separación de poldros, garañóns e eguas preñadas, venda ou marcaxe, rape, desparasitación e solta. O próximo curro será o domingo 14 de xullo no Galiñeiro, en Vincios.

