Sin categoría

O PP de Nigrán lamenta a “parálise” dos grandes proxectos como o contrato de limpeza ou o PXOM

O grupo municipal do PP de Nigrán acaba de realizar unha valoración do primeiro ano de mandato, que se cumpre esta semana, lamentando a “parálise” dos grandes e necesarios proxectos, como o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e o novo contrato de limpeza e recollida de lixo e criticando o estado de abandono do centro urbano e das praias.

A portavoz popular, María José Pino, cre que este arranque de lexislatura demostra que o alcalde, Juan González, está “completamente esgotado de ideas e canso do cargo, xa que non demostra nin interese polos temas nin por atender axeitadamente aos veciños e iso nótase no estado do noso Concello, xa que nin el nin o seu equipo exercen de impulsores e dinamizadores do territorio”.

“O alcalde pasa máis tempo viaxando por aí lonxe de Nigrán que no Concello tentando solucionar os problemas aos veciños e conseguindo investimentos e servizos para o noso municipio nun momento crucial, xa que non podemos seguir deixando oportunidades como nestes case dez anos”, apostilou.

A concelleira do PP lembrou que o presente mandato comezou cun “sablazo” aos veciños de Nigrán ao decidir unilateralmente o goberno socialista a subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) nun 20% ata situalo coa taxa máis alta do Val Miñor, “polo que cabería esperar unha maior atención e máis servizos, equipamentos e obras, pero, ao contrario, todo está en peor estado que nunca”.

Ademais, a portavoz municipal engadiu que o Plan Xeral está “bloqueado por razóns que se descoñecen”, xa que ten todo listo para aprobalo, con todos os informes da Xunta, “e polo momento non hai data nin previsión para levalo a pleno, porque é un documento máis que necesario e estratéxico para o futuro de Nigrán, pero o recollido polo PSOE no mesmo non achega as solucións urbanísticas que necesitan os veciños”.

María José Pino tamén se referiu ao, ata momento errado, novo contrato de limpeza e recollida de lixo, “que afortunadamente foi freado ata en dúas ocasións polo traballo que realizamos desde o Partido Popular, xa que estamos a falar dun gasto estratosférico de 33 millóns en dez anos, máis do dobre que o anterior con peores prestacións, que nos conduciría ao abismo económico”.

Por último, a concelleira popular tamén lamentou o estado de abandono do centro urbano, cheo de maleza, herbas e con baldosas rotas nas beirarrúas, xusto ás portas do verán, que é cando máis xente acode a Nigrán “e atópanse cunha imaxe moi triste da localidade que, sen dúbida, está máis deixada que nunca pola inacción do goberno socialista”. Nesta mesma liña, estendeu este problema ás praias, un dos grandes atractivos do concello, e que tamén se atopan nunha situación de descoido sen contar que, por decisión do alcalde, carecen das prestixiosas Bandeiras Azuis a pesar da súa recoñecida calidade.