O organigrama de xestión da Área Sanitaria de Vigo contará con dous novos cambios. Por un lado, Rosa María Morais Rodríguez, que será a nova directora de Enfermería, mentres que, ao fronte da subdirección de Humanización e Atención á Cidadanía estará Francisco Jesús Represas Carrera.
Rosa María Morais Rodríguez, ten o Grao de Enfermería. Diplomouse en 1996 pola Universidade de Vigo e ten un maestrado en Aptitude Pedagóxica en Ensino Sanitario. Dende a súa diplomatura, desenvolveu o seu labor profesional na Área Sanitaria de Vigo e tamén na de Pontevedra-Salnés. En 2017, ocupou en comisión de servizo a Supervisión de Enfermería do Servizo de Urxencias e, en 2018, foi nomeada supervisora de Enfermería da Área Funciona onde destacou pola súa capacidade de liderado de equipos. Na actualidade, desenvolve o seu labor en Calidade Asistencial.
Ten acreditados máis de 50 cursos de formación complementaria, tanto no que respecta á área clínica, como a xestión sanitaria, saúde ambiental e liderado, así como traballou no ámbito docente na Fundación Manela e como titora de alumnos da Escola Universitaria de Enfermería e tamén de Formación Profesional, estes últimos nos centros Divino Maestro e no IES Ricardo Mella, de Vigo.
Entre 2018 e 2022, foi membro do Comité de Farmacia do CHUVI, pertencendo tamén nesas datas ao Grupo de Traballo do Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente (SINASP) do Ministerio de Sanidade, que trata de promover cambios no sistema de saúde para mellorar a seguridade das e dos pacientes. Así mesmo, foi colaboradora do Plan Estratexia 21, da Área Sanitaria de Vigo.
Morais Rodríguez substitúe no cargo a Pilar Reza Castiñeiras.
Subdirección de Humanización e Atención á Cidadanía
Pola súa parte, o novo subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía, Francisco Jesús Represas Carrera, é doutor en Endocrinoloxía pola Universidade de Vigo e Santiago de Compostela. Diplomouse en 2011 na Universidade de Vigo e fixo a súa especialización en Enfermería Familiar e Comunitaria no Consorcio Sanitario de Terrassa. Comezou a súa traxectoria profesional en 2012 en Barcelona desenvolvendo, dende 2014, a súa actividade na Área Sanitaria de Vigo. En 2016, foi enfermeiro na Unidade de Agudos de Xeriatría no Hospital Meixoeiro de Vigo e dous anos máis tarde, enfermeiro especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde do Val Miñor (Nigrán) e, dende o 2021, no Centro de Saúde de Coia. Actualmente, ten a súa praza no Centro de Saúde de Salceda de Caselas. Foi un dos coordinadores da campaña de vacinación contra a COVID-19 así como tamén membro do Comité Clínico de xestión da Pandemia na Área Sanitaria de Vigo.
No ano 2022, foi nomeado xefe do Servizo de Planificación Sanitaria da Dirección Xeral de Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, cargo que ocupou ata setembro de 2023, no que se centrou profesionalmente no seu labor docente como profesor titular de grao en Enfermería na Escola Universitaria de Enfermería Meixoeiro e que aínda desempeña.
Realizou diferentes maestrados en Saúde, entre os que destacan o realizado en Asistencia e Investigación Sanitaria, pola Universidade da Coruña; outro en Administración e Dirección de Servizos Sanitarios, na Universidade Pompeu Fabra – Fundación Gaspar Casal, ou o programa Executive en Liderado Público e Gobernanza en Saúde, da Fundación Gaspar Casal.
Represas Carrera, substitúe no cargo a Mar de la Peña Cristiá, que causa baixa por xubilación.

