Sin categoría

A Área Sanitaria de Vigo súmase á Semana Mundial da Incontinencia

Os servizos de Uroloxía e a Unidade de Coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo veñen de sumarse ao longo destes últimos días á Semana Mundial da Incontinencia Urinaria e Fecal, convocada co fin de difundir entre as, e os, pacientes que sofren esta doenza a existencia de tratamentos moi eficaces e terapias actualizadas, transmitir a proximidade dos responsables en Saúde á súa situación, favorecer a adherencia aos tratamentos e sensibilizar á cidadanía sobre a presenza desta enfermidade que, en moitos casos, xera medo, depresión, ansiedade, perda de autoestima e vergoña entre as persoas que a padecen.

Esta incontinencia non só afecta á ouriña, senón que tamén se presenta en casos de incontinencia fecal, cos trastornos que isto supón para quen a padece. Esta celebración abrangue dende o día 17 ao 25 de xuño.

Animar a achegarse ás consultas

A incontinencia urinaria está definida como calquera perda involuntaria de ouriña. Se estima que, un 60% da poboación de persoas maiores de 60 anos a padecen en maior ou menor grao. Aínda así, son poucas as persoas que se atreven a consultalo (tan só 4 de cada 10 persoas que a padecen), en moitos casos porque está asumido como un síntoma da idade, ou ben por vergoña ou descoñecemento. Os factores que poden predispoñer a unha persoa a padecer incontinencia son idade avanzada, menopausa, partos, ou sobrepeso; situacións que poden ser modificadas ou corrixidas.

Tal e como explica o doutor Carlos Müller Arteaga, do Servizo de Uroloxía: “A incontinencia urinaria é unha enfermidade que permanece oculta, polo que hai que animar a quen a sofre en silencio a consultala. Ademais -continuou o doutor Müller-, existen falsas crenzas en torno á incontinencia urinaria, como que os tratamentos non funcionan, que son pouco eficaces ou que non se pode previr a súa aparición ou empeoramento, cando é todo o contrario”.

Por outro lado, o doutor Müller fai fincapé en que, ademais dos trastornos propios do e da paciente, “O problema da incontinencia radica no importante deterioro da calidade de vida, na perda de autoestima, na depresión… As persoas mudan os seus hábitos diarios, visten diferente e chegan ata abandonar certas actividades por temor ou vergoña. Por iso -remata o doutor Carlos Müller- é importante animar a aquelas persoas que padecen esta enfermidade a que pidan axuda”.

Orixe multifactorial

Nesta mesma idea incide o doutor Enrique Moncada Iribarren, xefe de sección da Unidade de Coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Área Sanitaria de Vigo, que recomenda achegarse ás consultas para o tratamento dunha doenza que afecta a un 7,7% da poboación “E que -tal e como di o doutor Moncada- esta cifra chega ao 15% en caso da poboación maior de 70 anos, e máis se nos referimos a pacientes institucionalizados (ingresados en residencias), onde chegan ao 35-40%, e moito máis se sofren demencia, no que a porcentaxe pode alcanzar o 80%”.

Aínda así -explica o doutor Enrique Moncada-, o primeiro que debemos saber é que é unha condición que non forma parte do envellecemento normal, xa que obedece a unha orixe multifactorial. A causa máis común de lesión estrutural dos esfínteres anais é debido a un trauma obstrético, sendo esta a causa máis frecuente nas mulleres máis novas. No caso de varóns maiores de 70 anos, esta causa máis común se deriva do tratamento de radioterapia secundaria por cancro de próstata ou o tratamento en cancro de recto, aínda que os avances tecnolóxicos cada vez conseguen realizar unha cirurxía máis preservadora”.

O doutor Moncada remata afirmando que: “Hoxe en día están moi estendidos este tipo de tratamentos pouco invasivos, coa conseguinte mellora da continencia, como son a neuroestimulación, a irrigación ou a rehabilitación do solo pélvico; reservándose estes tratamentos máis agresivos só a casos moi específicos”.

Na Área Sanitaria de Vigo realízanse, anualmente, unhas 300 manometrías e ecografías anorrectais para o diagnóstico destes pacientes, mentres que realízanse máis de mil estudios urodinámicos ao ano para diagnóstico e valoración da enfermidade.

“O obxectivo é valorar o mellor tratamento a cada paciente -recorda o doutor Müller-. Somos o centro pioneiro en Galicia en ofrecer un tratamento da incontinencia urinaria feminina minimamente invasivo a través da inxección dun fármaco; unha técnica que desenvolvemos desde hai máis de dous anos con moi bos resultados. Así mesmo, acumulamos a maior experiencia no uso de diferentes próteses e esfínteres artificiais para o tratamento no caso dos varóns”.

Ambos os dous facultativos recordan que colaboran coa Asociación de Incontinencia Anal (ASIA).