O maior experto en tóxicos ambientais, Nicolás Olea, será un dos relatores do Curso de Verán de Oncoloxía Integrativa que organiza Talaso Atlántico e a Universidade de Santiago de Compostela. Olea, catedrático de Medicina da Universidade de Granada, é unha das voces máis recoñecidas na relación que hai entre os tóxicos e o cancro.
Autor do libro Libérate de tóxicos, a súa liña de investigación estivo marcada nos últimos anos en profundar en como afecta o medio ambiente á saúde, principalmente como factor de risco no cancro hormonodependente (mama, testículo, próstata ou tiroides) e como os disruptores endócrinos ou alteradores hormonais, unha vez dentro do organismo humano, modifican o comportamento das hormonas, derivando en enfermidades.
Os seus relatorios, “Disrupción endócrina: Como afectan os contaminantes químicos á nosa saúde e ao medio ambiente” e “Libérate de tóxicos. Produción ecolóxica: saudable e sostible” terán lugar o 16 e 17 de xullo en Talaso Atlántico.
O curso de verán de Oncoloxía Integrativa celebrarase do 15 ao 18 de xullo e a inscrición permanecerá aberta ata o 5 de xullo. Coa asistencia ao encontro obteranse dous créditos ECTS. Ademais de Olea, o curso contará con destacados relatores chegados de hospitais e universidades de toda España.

