O Gondomar Acro Club participou con seis equipos no Campionato Escolar de ximnasia acrobática celebrado o pasado domingo no Pavillón da Etea en Vigo. Pechan a tempada cos equipos escolares sendo subcampioas galegas. “Nesta ocasión os equipos Alevíns tiveron falliños que as afastaron de subir ao podio pero como sempre lles digo, é cando máis se aprende, e o importante desta categoría é, que xuntas, quedaron subcampioas galegas que está fenomenal”. As Benxamíns pola súa banda fixeron mellores exercicios subindo os tres equipos a podio e conseguindo tamén ser subcampioas galegas.
“Terminamos a tempada de competicións cos equipos escolares, cun bo equipo de ximnastas que para moitas delas é a súa primeira tempada competindo, unha nova adestradora no equipo técnico e eu sufrindo desde a barreira pola miña nova posición como xuíza. Somos subcampioas galegas nas dúas categorías nas que competiamos, por tanto é un gran peche de tempada. Agora quédanos gozar o domingo 23 coas familias no noso xa típico festival de fin de curso e a semana que vén voamos a Tenerife ao nacional cos equipos base. É un mes de xuño moi intenso”, comenta a técnica deportiva Cristina Castro.
Categoría Benxamín Escolar:
- Parella feminina: Bimba e Lía, medalla de Bronce.
- Cuarteto feminino: Olivia, Aria, Valle e Sofía, medalla de Prata.
- Trío feminino: Chloe, Alba e Sara, medalla de Ouro.
Clasificación por clubs:
- Categoría Benxamín Escolar: 2ª posición.
Categoría Alevín Escolar:
- Parella feminina: Irene F e Jana, 7ª posición.
- Trío feminino: Ainoa, Ángela e Jimena, 5ª posición.
- Trío feminino: Uxía, Irene Z e Nahir, 4ª posición.
Clasificación por clubs:
- Categoría Alevín Escolar: 2ª posición.





