Sin categoría

As Guerreras comproban que “A Guarda respira balonmán”

As Guerreras foron recibidas cunha agarimosa benvida na mañá deste martes no Concello da Guarda. Un numeroso grupo de afeccionados xa as agardaban na Praza do Reló para recibilas entre aplausos. O alcalde recordou a relación histórica do balonmán feminino coa Guarda e animou ás xogadoras a desfrutar da vila en todos os seus ámbitos, desde gastronomía ata a propia idiosincrasia guardesa. Por último, desexoulles sorte para chegar a París “ao máis alto”.

O segundo adestrador das Guerreras, José Ignacio Prades, asegurou que na Guarda “sempre se está ben”, porque “respírase balonmán”. E sábeo de primeira man, pois ademais de ser o ex adestrador do Mecalia Atlético Guardés, xa é un veciño guardés máis.

Neste mesmo senso, a capitá, Lara González, facía referencia a que moitas “puideron desfrutar do balonmán na Guarda, algunhas incluso vestindo as súas cores”. Non quixo esquecerse da xente que estaba asistindo á recepción, entre os que se atopaban “moitas das persoas que son habituais nos partidos, sexa cal sexa”. A capitá describiu A Guarda como “idílica” e asegura que van traballar duro e concentradas para competir nos Xogos Olímpicos de París 2024.

“Agardo que a conxunción de río, mar e monte vos leve por bo camiño ata París e nos traiades a máxima alegría”, engadía Celso Fariñas, o concelleiro de Deportes. Para finalizar, desde o Concello obsequiaron ás Guerreras cunha mochila da vila e mapas turísticos para que poidan desfrutar da vila no seu tempo libre.

As xogadoras da selección feminina de balonmán chegaron durante a tarde do luns á Guarda e estarán ata o próximo domingo 23. O venres 21, a partir das 16:30 horas, ofrecerán un adestramento aberto a adestradores de calquera deporte.

Na segunda semana das Guerreras na Guarda, será cando poidamos velas en acción, cun adestramento a portas abertas para todo o público o sábado 29 ás 17:00 horas. Ademais, desde o Concello animan a toda a cidadanía a achegarse antes ao Pavillón da Sangriña, pois previamente a ese adestramento, haberá unha firma de autógrafos. “Desexámoslle ás Guerreras unha boa estadía na Guarda e a mellor das sortes nos Xogos Olímpicos de París”.