Sin categoría

O Monte Real coroa aos novos Campións Galegos de A Dous

O Monte Real Club de Yates coroou este sábado aos novos Campións Galegos de A Dous na súa condición de organizador da proba autonómica por encargo da Real Federación Galega de Vela.

As instalacións do club baionés viron como as parellas formadas por Víctor Carrión-Horacio Pequeno (ORC masculino), Jesús e Victoria Pintos (ORC mixto), Jaime Barreiro-Javier Porto (J80 masculino) e Jaime e Rosario García (J80 mixto) lograban colgarse os loureiros de mellores regatistas en tripulacións reducidas tras unha regata que levou aos case 40 veleiros participantes desde Baiona ata Ons e de volta ata Viños, en Cíes.

28 MILLAS DE BAIONA AO CAMOUCO E REGRESO ATA VIÑOS

Durante as 28 millas de percorrido que incluíu a proba, as tripulacións tiveron que facer fronte a diferentes condicións meteorolóxicas. Partiron pasadas as once da mañá desde unha zona próxima ás illas Estelas, o interior da baía de Baiona, cun vento do suroeste. O paso polas proximidades das illas Cíes realizárono cun oeste máis claro e algo máis de intensidade e así navegaron ata Ons, cambiando posicións segundo o seu maior ou menor acerto á hora de elixir estratexias.

O primeiro barco en virar o Camouco foi o Bon III (CN Punta Lagoa) ás 14:24. A tripulación formada por Víctor Carrión e Horacio Pequeno foi a máis rápida en completar a subida ata o faro de Ons e emprender o retorno. Da frota de J80, a tripulación á que primeiro se avistou no punto de virada foi a composta por Jaime e Rosario García a bordo do Ferralemes (MRCYB).

A navegación de regreso a Baiona prevista no programa de regata tivo que ser acurtada por falta de condicións tanto no interior da baía como en Carallones. O comité de regata, liderado por Juanjo Durán, optou por colocar a liña de chegada no illote de Viños, nas proximidades das illas Cíes, onde os veleiros comezaron a chegar pasadas as catro da tarde.

O primeiro ORC en finalizar foi o Bon III, ao que o comité deu o bocinazo de chegada ás 16:05, case cinco horas despois de partir de Baiona. Na competición dos J80, o máis rápido foi o Cáctus Digital – Petrilla, de Jaime Barreiro e Javier Porto (CN Portonovo).

CLASE ORC

Na clase ORC, Víctor Carrión e Horacio Pequeno (CN Punta Lagoa) lograron facerse cos loureiros da proba coroándose como novos campións galegos, superando aos outros 24 barcos que competían nesta clase. O Fígaro 55 de Jesús e Victoria Pintos (RCN A Coruña) e o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid e Javier Fernández-Ahuja (RCN Vigo) acabaron segundo e terceiro respectivamente, recibindo tamén a parella coruñesa o premio ao mellor equipo mixto de ORC.

Houbo ademais unha categoría para os ORC EXTRA, na que acabou vencedor o Smaku de Alfonso Rodríguez e Gonzalo Arnal (LM Bouzas). Nesta competición fixéronse coa prata e o bronce o Bonaventure de José Luis Ríos e María Jesús Montes (RCN Vigo) e o Aquilón de Roberto Telle e Ana de la Torre (CN Moaña Mar).

E dentro desta categoría, houbo tamén clasificación para os Fígaros do MRCYB, na que se impuxo o Bouvento de David Fontán e Carlos Villar, por diante do Ladeira de Elena Raga e Miguel Steiner; e o Serralleiras de Esteban Fernández e Kevin Figueiras, que ocuparon a segunda e terceira posición.

CLASE J80

Na clase J80 tamén se entregaron premios aos mellores equipos masculino e mixto. Na categoría masculina os mellores foron Jaime Barreiro e Javier Porto (Petrilla – MRCYB) e na mixta Jaime e Rosario García (Ferralemes – MRCYB). Impuxéronse aos 15 equipos que participaron na competición en tempo real e levaron os títulos de campións galegos.

En segunda posición da xeral acabou Juan Luis Tuero e Miguel Ángel Cidrás (Luna Nueva – MRCYB). E o terceiro posto foi para os campións galegos mixtos Jaime e Rosario García.

X MEMORIAL RAFAEL OLMEDO

O Campionato Galego de A Dous volveu render homenaxe, un ano máis, a Don Rafael Olmedo Limeses, o que fora presidente do Monte Real Club de Yates durante máis de 40 anos. Un dos seus fillos, Rodrigo Olmedo, foi o encargado de entregar os premios dun Memorial que cumpriu este ano o seu décimo aniversario e que nesta ocasión recaeron nas parellas formadas por Víctor Carrión – Horacio Pequeno e Jaime Barreiro – Javier Porto, como gañadores da xeral de ORC e J80 respectivamente.

A RUTA RÍAS BAIXAS E O CONDE DE GONDOMAR, PRÓXIMAS CITAS

Coa celebración do Campionato Galego de A Dous, que o Monte Real Club de Yates organizou por décimo terceiro ano consecutivo, o club baionés pon rumbo xa ás súas citas estivais, que en xullo teñen dúas datas marcadas no calendario.

Do 1 ao 6 de xullo celebrarase unha nova edición da Ruta Rías Baixas, un percorrido lúdico polas Rías Baixas, desde Baiona a Portosín, que acabará cunha peregrinación ata Santiago de Compostela; e o Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia, que este ano se disputará do 25 ao 28 de xullo, e cuxo prazo de inscrición abrirase a próxima semana.