Sin categoría

A unidade “Pegasus” da Garda Civil vixiará con drons para impedir os buratos en Praia América en San Xoán

O Concello de Nigrán estreará un dispositivo de vixilancia sen precedentes en Praia América para impedir que se caven grandes buratos durante a celebración do San Xoán. Tal e como se informou este mediodía na Xunta Local de Seguridade celebrada no salón de plenos e presidida polo delegado de Goberno, Abel Losada, e o tenente de alcalde, Rubén Rial, por vez primeira acudirá a Unidade Pegasus da provincia de Pontevedra ampliada con axentes desprazados ex-profeso desde a unidade central de Madrid co obxectivo de vixiar con drons todo o areal e incluso as calas máis afastadas de Monteferro ou Lourido. Máis de 200 persoas entre Policía Local, Garda Civil, Seprona, Policía Autonómica, GES, Protección Civil e axentes de Tráfico traballarán coordinados para que a festa transcorra sen incidentes e, sobre todo, para acabar coa costume dos últimos anos de facer grandes buratos que danan o ecosistema.

Con este novo propósito, desde a mañá do domingo, Protección Civil controlará os diferentes accesos ao areal para que non se entre con calquera aparello que sirva para facer buratos ou grandes fogueiras, informando á Policía Municipal en caso de que sexa necesario. Segundo advirte o propio Concello, as multas por desobedecer e cavar buratos no areal ascenden de 100 € a 3.000 € en caso de ser leves e ata 200.000 € de ser catalogadas como graves, xa que poden estar infrinxíndose desde leis de conservación deste espazo natural protexido a leis de seguridade cidadá, podendo incluso incrementarse moito a contía. A este dispositivo sen precedentes na Historia do Concello sumarase un equipo de concienciación ambiental que desde a maña tamén estará a pé de praia recordando aos asistentes as obrigas que conleva o respecto dun espazo natural (mensaxe que se repetirá tamén por megafonía). Igualmente, eles mesmos entregaranlle aos diferentes grupos sacos para que depositen o seu lixo nos contedores que se dispoñan nos accesos ás praias. Paralelamente, os drons da unidade Pegasus estarán funcionando desde primeira hora da tarde para detectar aos grupos que, pese ás advertencias, desobedecen a norma de non facer buratos no areal.

“O máis importante agora é que todos debemos facer, é informar á mocidade de que este ano será diferente en Nigrán, poderase festexar o San Xoán pero sen cavar buratos que atentan contra o noso patrimonio natural. Este ano estará vixiado, controlado e multado, así que non ten sentido vir ao areal con pas porque deberán dar a volta”, explica o alcalde, Juan González, quen apela a que cada grupo recolla o seu lixo.

A maiores, como vén sendo habitual, a zona deportiva de Gaifar contará cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero e, como cada ano, as dunas quedarán pechadas perimetralmente para impedir o paso e iluminadas para mellorar a vixilancia, con unidades do Seprona colaborando. A Garda Civil de Tráfico “blindará” o municipio con controis de alcoholemia para impedir que ninguén conduza baixo o efecto do alcohol ou outras substancias, aspecto este último que vixiará especialmente a Policía Nacional. No ano pasado sancionáronse 58 positivos ao volante.

“Traballamos para que a noite transcorra con normalidade, sen incidentes e sexa a costume de facer buratos, e que, polo tanto, as fogueiras sexan as auténticas protagonistas da festa máis señeira de Nigrán”, resume o rexedor, Juan González, quen apunta a que se teñen aceptado 75 permisos de cacharelas (todas de particulares e rexeitándose 3 por solicitar facelas na praia). “Levamos anos cunha campaña de concienciación pioneira en Nigrán e que inicialmente funcionou co tema do lixo, pero observamos que a costume de facer buratos medra, polo que se queremos preservar a nosa praia temos que chegar a este punto ao que non quixeramos ter que chegar, pero que resulta xa inevitable. Podemos facer ben a festa sen afectar ao noso ecosistema natural, non está rifado, e iso é o que debemos esixir”, explica o alcalde.

Na xuntanza, participaron tamén o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, así como responsables da Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil, entre outras autoridades.