O alcalde de Nigrán, Juan González, viaxou este martes a Manchester (Reino Unido) co alumnado de intercambio do CEIP Humberto Juanes para propoñer oficialmente un irmandamento entre o distrito de Chorlton no que se atopa o Colexio Saint John’s e o municipio tras practicamente dúas décadas de experiencia compartida (a máis lonxeva no municipio).
“Esta mañá mantiven un encontro coa concelleira laborista Tina Kirwin-McGinley na que tamén nos indicou o seu interese en facer oficial estes lazos que unen xa a dous xeracións de ingleses e de nigraneses e consideramos comezar o irmandamento directamente co distrito de Chorlton para, máis adiante, facelo efectivo con toda a cidade de Manchester, porque outros colexios de Nigrán manteñen intercambios con distritos diferentes dentro desta mesma cidade”, explica o alcalde, Juan González, quen regresou onte mesmo despois dunha viaxe lóstrego que o alumnado nigranés gozará ata o martes 18.
O CEIP Plurilingüe Humberto Juanes cumpre 19 anos de intercambio lingüístico-cultural con Manchester, en concreto co colexio Saint John’s do barrio de Chorlton, o que se traduce en máis de 600 alumnos ingleses recibidos coas súas familias (neste caso os menores viaxan con cadanseu titor/a). O intercambio comezou sendo “só” un contacto epistolar entre o alumnado de 5º e 6º e hoxe en día está xa instaurado no día a día do centro nigranés e supón un selo de identidade. En todos os casos, os nenos de Nigrán alóxanse en casa de familias e durante toda a semana participan nunha ampla programación sociocultural. Por diante teñen actividades como a visita ao estadio Etihad do Manchester City, ao Museo de Ciencias e Industria ou a partidos de criket, ademais de gozar de obradoiros de música, deporte, artes… e, por suposto, de pasar tempo con cadansúa familia acolledora. Os ingleses estiveron en abril en Nigrán.
“Nigrán é moi coñecido en Manchester grazas a estes intercambios que nos achegan culturalmente e que permiten establecer lazos de amizade para toda a vida, cada verán recibimos turistas ingleses por este motivo. Estamos moi orgullosos de ser receptores de alumnado de fóra e tamén de que acollan aos nosos fillos, por iso queremos dar un paso máis cun irmandamento”, subliña o alcalde, Juan González.


