Sin categoría

A nigranesa Raquel Fernández, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

O xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora por unanimidade a obra titulada “I’m Obélix”, que resultou ser da autora nigranesa Raquel Fernández Fernández. O xurado estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 orixinais. O galardón ten unha dotación de 10.000 euros.

“I’m Obélix” conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.

O xurado do XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación. O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto. A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de “I’m Obélix” unha novela completa e absolutamente atractiva para a rapazada.

Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972). Exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou máis dunha quincena de premios literarios. Entre os que destacan o 1º Premio das Mulleres Progresistas de Vigo, (2017 e 2019), o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1º Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021) e o 2º Premio Manuel Orestes de Poesía (2021). Resultado destes premios publicou en varias antoloxías. A súa primeira novela publicada é “Contas de buxo” (2024).