O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou hoxe a finalización das obras de mellora no Camiño de A Fraga, na parroquia de Couso, na súa conexión coa estrada provincial PO-344. As actuacións consistiron na mellora do firme existente e a canalización das augas pluviais co fin de evitar empozamentos na vía, e por tanto mellorar a súa seguridade, cun orzamento de 46.067,60 euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As actuacións desenvoltas están dentro do plan integral de mellora de camiños iniciado polo goberno local, que pretende actuar en todas aquelas vías que se atopan nun estado de deterioro importante.
Co fin de garantir a boa execución das obras proxectadas, procedeuse a realizar traballos previos de demolición do firme para posteriormente construír unha nova capa de firme de 5 cm de espesor ao longo de toda a vía, completándose coa construción de canais abertos de formigón no lateral da vía para a evacuación das augas pluviais, así como canais transversais con reixa para completar a condución da auga e a sinalización vertical e horizontal necesaria.
O rexedor local sinalou que “cando chegamos ao goberno nos atopamos cunha rede viaria en moi malas condicións pola inacción de gobernos anteriores, e neste tempo a través deste plan integral de mellora son centos as actuacións realizadas, non só con melloras de firmes, senón tamén, coma neste caso, coa recollida das augas pluviais que non existían. Somos conscientes de que aínda son moitos os que quedan por mellorar, pero con este plan conseguiremos que nos próximos anos todas as vías e camiños de todas as parroquias de Gondomar estean nas mellores condicións”.

