Sin categoría

Baiona estrea o seu Espazo Xuvenil cun campamento de competencias dixitais

A Concellería de Xuventude do Concello de Baiona, en colaboración coa Concellería de Tecnoloxías e a Fundación Esplai, organizan un campamento de competencias dixitais durante o mes de xullo totalmente gratuíto. O campamento terá lugar no Centro Multiusos Ángel Bedriñana, do 1 ao 22 de xullo, de luns a venres, con dous grupos diferenciados, un de competencias básicas destinado a mozos de 12 a 13 anos e outro de competencias avanzadas destinado a mozos de 14 a 17 anos.

Impartiranse conceptos básicos de ferramentas informáticas, uso seguro e responsable da internet, programación, robótica educativa, impresión 3D e realidade virtual. A través destas actividades búscase favorecer a adquisición de competencias dixitais e desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas. As inscricións están abertas do 10 ao 28 de xuño na OMIX do Concello de Baiona e as prazas son limitadas.

Más información na OMIX do Concello de Baiona, no teléfono 986385921 ou en xuventude@baiona.gal.

Novo Espazo Xuvenil en Baiona

Coa posta en marcha do campamento de competencias dixitais arranca o programa de actividades do novo Espazo Xuvenil de Baiona. A partir deste intre, a mocidade da vila contará cun espazo dedicado e pensado para eles, situado no Centro Multiusos Ángel Bedriñana, onde contarán con apoio para levar a cabo os seus proxectos e actividades. Trátase dun espazo vivo, onde terán cabida as diferentes iniciativas xuvenís que os mozos da vila desexen levar a cabo, creadas e realizadas por eles mesmos, así como outras actividades organizadas desde o Concello de Baiona.

O obxectivo tamén é que este novo espazo sirva para tecer unha rede colaborativa que implique a diferentes grupos de idade, levándose a cabo actividades interxeracionais, onde os mozos sexan o eixo central. Trátase de fomentar a participación xuvenil na vila, sendo os mozos os artífices das actividades de todo tipo que leven a cabo, en diferentes ámbitos; a igualdade, a política social, ect.

A Concellería de Xuventude do Concello de Baiona, dirixida por Ruth Álvarez González, é a encargada da xestión deste novo espazo, desde onde se anima á mocidade a que presenten as súas propostas de actividades, para iso, poden contactar coa OMIX, no teléfono 986385921 ou en xuventude@baiona.gal.