O Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, exerceu hoxe de anfitrión no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial do Parque Empresarial de Porto do Molle ante unha delegación internacional de empresas, centros de investigación e institucións do sector biotecnolóxico de Escocia, Xapón, Italia, Canadá, Bélxica, Portugal, Reino Unido, Noruega e España.
A delegación visitou os tres laboratorios especializados, altamente equipados, cos que conta Zona Franca no Edifico Tecnolóxico Aeroespacial, que se desenvolveron no marco do programa CT Bio, financiado con fondos FEDER. Estas instalacións están ao dispor de empresas do sector biotecnolóxico e aeroespacial e permítelles realizar probas sen ter que realizar grandes investimentos.
Tamén no marco deste BioBusiness Tour, os visitantes internacionais coñeceron Lonza Biologics, Compañía Española de Algas Mariñas (CEAMSA) e Zendal, empresas punteiras do sector biotecnolóxico que están instaladas no polígono industrial do Porriño; antes do seu traslado ao parque empresarial de Porto do Molle.
Galicia BioDays 2024
A visita desta delegación forma parte da celebración de Galicia Biodays 2024, que terá lugar os días 13 e 14 de xuño no Auditorio Mar de Vigo. Este foro está promovido pola Agrupación industrial Tecnolóxica Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e conta co apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

