O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino denuncia “o deplorable” estado de limpeza e mantemento dos camiños do municipio, “os cales presentan un estado de total abandono”.
Ao longo dos últimos meses, foron cada vez máis recorrentes as queixas trasladadas por parte dos veciños e veciñas do municipio respecto ao mantemento e limpezas das beirarrúas, camiños ou parques do Concello: vexetación desbordada, roturas de mobiliario urbano, lousas levantadas, sinais de circulación caídas, etc. “Ante esta realidade, o goberno socialista de Nigrán optou por ignorar a situación e continuar a súa política baseada na propaganda e os eslóganes baleiros. O tan repetido e publicitado “Nigrán, equilibrio natural”, foi reducido a unha cortina de fume coa que tratar de branquear unha política ambiental, de limpeza e mantemento claramente neglixente”, sinala María José Pino.
“Cabe destacar que desde que o Alcalde Juan González accedeu á alcaldía o mantemento e limpeza dos espazos públicos deixou moito que desexar, especialmente durante os meses non estivais, nos que os veciños e veciñas residentes durante todo o ano teñen que soportar unha situación de abandono e deixamento por parte dos responsables municipais. Para máis inri, non convén esquecer que Nigrán é un municipio cun importantísimo peso do sector servizos, no que o turismo xoga un papel fundamental para a economía dos seus habitantes”, engade a portavoz popular.
Debido a isto, o Grupo Municipal Popular manifesta a súa incredulidade ante a actual situación de abandono das praias, paseos e sendas do municipio, “nos cales prima a absoluta falta de mantemento e limpeza por parte do Concello”. Así mesmo, esixe aos responsables políticos que destine os recursos necesarios para emendar a actual situación de abandono xeneralizado na que se atopa o municipio.



