O Concello de Nigrán sumou novo profesorado ao curso de manexo de aplicacións móbiles destinado a xubilados empadroados. Durante tres sesións que remataron este mesmo martes, alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes explicou a 15 maiores o manexo de sinxelos programas de intelixencia artificial (como chat GPT e Google Lens) ou de deseño gráfico. Esta experiencia forma parte do proxecto competencial dos estudantes do centro educativo e, á súa vez, intégrase no curso que o Concello de Nigrán desenvolve desde o pasado mes de outubro no Local Social de Vilameán grazas ao ofrecemento de María José Parada Santoro, profesora xubilada que un día á semana lles ensina a empregar a aplicación do Sergas para pedir citas ou revisar o historial médico, ata empregar WhatsApp, almacenar fotos ou facer postais de felicitación, invitacións…
“Moitos maiores séntense moi inseguros á hora de empregar o móbil, polo que este curso busca que se atopen cómodos á hora, por exemplo, de pedir unha cita médica a través da app do Sergas”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta iniciativa da Concellería de Maiores que dirixe a edil María Mayán. “Non son nativos dixitais e moitos precisan formación práctica ao respecto, especialmente agora que se van a retirar as tradicionais cartillas bancarias, e este tipo de cursos son moi útiles porque lles pode facilitar moito o seu día a día”, resume Mayán, quen aposta por realizar actividades interxeneracionais das que os dous grupos de idade se benefician e que axudan a eliminar calquera tipo de prexuízo.





