Sin categoría

Carlos Gómez denuncia “o ano perdido” para Baiona no balance do PP de Almuiña na alcaldía

O dirixente do PSdeG-PSOE e portavoz municipal, Carlos Gómez, cualificou hoxe o primeiro ano do goberno municipal do PP de Almuiña como “un ano perdido para Baiona onde a veciñanza xa é consciente da súa incapacidade, falta de xestión, conformismo e que non poidan presentar nin unha soa iniciativa nova para captar investimentos”. Na rolda de prensa Gómez, acompañado de concelleiros/as e militantes, e arroupado polo Secretario de Organización do PSdeG-PSOE na provincia, Luis Piña, e deputados provinciais, acusou ao goberno popular de ter un proxecto inexistente e sen ambición. “Os seus feitos falan de ineptitude, falta de traballo para atender as lexítimas queixas da cidadanía, do seu estilo de confrontación co movemento asociativo, do abandono das parroquias e do tecido produtivo, da extrema sucidade da vila e da ausencia de actuacións en turismo, vivenda, comercio ou nas infraestruturas”.

O dirixente socialista acusou, amais, ao goberno de Almuiña de “mentir sen pudor cando repite continuamente que non había cartos. É falso, como se demostra cando nada máis chegar incorporaron 2,3 millóns de euros dos remanentes do goberno socialista de 3,4 millóns, ou cando no que vai de 24 volveron a incorporar outros 800.000 de 2023. As mentiras teñen as patas curtas”.

Gómez responsabilizou ao goberno de Almuiña de perder máis de 4 millóns de euros en subvencións xestionadas polo anterior goberno do PSOE, entre elas o Plan de Sustentabilidade Turística para a remodelación de Santa Liberata, a implantación da bicicleta eléctrica, o aparcamento en Sabarís e o roteiro que uniría as cinco parroquias; a subvención para cambiar o peche perimetral do campo do Aral; a subvención destinada ao Pavillón para aforro enerxético; ou da perda da subvención do Plan Estratéxico para centros históricos “da que Baiona foi excluída de forma lamentable pola Xunta co beneplácito do PP local, cando tiñamos puntuación suficiente da Fegamp e o Ministerio para conseguir eses 2 millóns de euros. Como sempre Almuiña antepuxo os intereses do seu partido por enriba dos da veciñanza do pobo que goberna”. Carlos Gómez preguntou onde están os investimentos que o PP segue sen traer a Baiona. “De feito, só teñen os proxectos que xestionou o goberno socialista por importe de ata 13 millóns de euros “como os Next Generation para o Parador, o Plan ReacPon do Paseo Pinzón e o Plan PON2030 para a Praza de Victoria Cadaval os dous da Deputación, ou a remodelación da rúa Pontenova en Sabarís”.

Da mesma forma, lamentou a nefasta imaxe de Baiona da que se queixa a veciñanza “con zonas verdes deixadas, sucidade por todas partes, ou a recollida de lixo en situación lamentable”. Denunciou o abandono do movemento asociativo “primando os cachés dos grupos foráneos e rebaixando os das asociacións e colectivos de Baiona”. Tamén cuestionou “a confrontación do goberno do PP co comercio e coas empresas sen colaborar con elas no Nadal ou coa campaña Baiona en Vela onde chegaron a cobrar aos comerciantes que sacaron os seus artigos á rúa”.

Criticou o modelo de turismo “que implantou a dereita desde hai 40 anos, que está desfasado e que non ten en conta á veciñanza que vive en Baiona todo o ano. Están a expulsar á xente mantendo o aluguer a prezos imposibles”. Respecto á vivenda, que cualificou dun problema gravísimo, acusou a Almuiña de “mentir de novo cando di que hai que desenvolver o Plan Xeral porque contempla 4000 vivendas. O que non di o alcalde é que no Plan Xeral do PP de 2014 non aparece chan dotacional para novas infraestruturas, tampouco hostaleiras. Esas cousas non as conta”. Por todo elo, o dirixente socialista afirmou que con este primeiro ano o PP o único que pode garantir é un pobo sucio, abandonado, e sen traballo para a mocidade, un pobo sen futuro”.