Sin categoría

Somos Nigrán solicita dereitos básicos para o voluntariado das colonias felinas

Segundo a Lei 45/2015 que regula o Voluntariado, as persoas que xestionan colonias felinas realizan unha actividade de interese xeral de voluntariado ambiental, concretamente de Protección Animal. Calquera persoa que estea a participar nun voluntariado municipal, sexa da actividade que sexa, debería ter recoñecidos uns dereitos, en base ao regulado no artigo 10 da citada lei.

As persoas coidadoras na súa tarefa solidaria sofren críticas, presións, insultos etc., chegando mesmo a ser vítimas de agresións físicas. Os concellos deben de garantir que non haxa inxerencias na xestión que se realiza polo voluntariado, pero especialmente, debe velar pola súa integridade, sen prexuízo de que a persoa afectada exerza o seu dereito para interpoñer a correspondente denuncia.

Co fin de dignificar este labor altruísta, desde Somos Nigrán solicitan ao Concello de Nigrán que como mínimo cumpran cuns dereitos básicos para as persoas que xestionan, coidan e alimentan as colonias felinas do municipio, tales como:

  • Dereito a unha Formación para a xestión ética de colonias felinas.
  • Dereito á Información e Participación nos Programas de Xestión Ética de Colonias Felinas.
  • Dereito a Protección.
  • Dereito a Acreditación.
  • Dereito a Colaboración co Concello en Campañas de Concienciación etc.
  • Dereito a seguro.
  • Dereito de Protección de Datos.
  • Dereito a abono dos gastos.

“Conviría lembrar ao Concello de Nigrán que a Lei de Benestar Animal manifesta que os concellos son responsables civís de todos os gatos rueiros que viven nos seus municipios. Ademais de estar obrigados a capturalos, identificalos cun microchip, castralos e vacinalos, polo que o labor altruísta destas persoas supón un aforro para as arcas municipais, que se debería destinar a formalizar os devanditos dereitos básicos do voluntariado”, manifestan desde a plataforma cidadá.