Nigrán Decide acusa ao goberno local de permitir o baño en zonas contaminadas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán Decide acusa ao goberno municipal de Nigrán, tanto por acción como por omisión, de poñer en risco a saúde da veciñanza ao permitir o baño en zonas nas que está prohibido pola contaminación.

“Concretamente, o goberno de Nigrán, ademais de non prohibir o baño temporalmente en zonas puntualmente contaminadas como aconteceu o ano pasado na praia das Canas, onde a Consellería de Sanidade informou que non se colocara o obrigado cartel indicando a prohibición temporal de baño, promove agora unha actividade acuática na Foz do Miñor, zona altamente contaminada”, sinalan desde Nigrán Decide nun comunicado.

Ante esta situación, o grupo municipal de Nigrán Decide pedirá no próximo pleno a comparecencia dos Concelleiros de Sanidade e de Medio Ambiente para que dean explicacións por poñer en risco a saúde da veciñanza, así como das medidas que se están a tomar para preservar o medio ambiente no litoral.

“Con esta petición pretendemos que o goberno tome en serio a saúde da veciñanza, así como a loita contra a contaminación do noso litoral”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, “pois, aínda que con toda probabilidade ao Concelleiro de Sanidade non se lle estea informando das situacións puntuais de contaminación que se producen, vai ser quen teña que responder nos xulgados en caso de que o risco para a saúde se materialice”.

“Con relación á petición de comparecencia do Concelleiro de Medio Ambiente, o grupo municipal de Nigrán Decide pretende coñecer as medidas adoptadas polo concello para controlar as verteduras que se producen no noso litoral, que ademais de estar pedindo a Consellería de Sanidade, están contempladas no Plan de verteduras aprobado polo pleno do Concello de Nigrán o pasado mes de novembro de 2016”, finaliza Cuevas.