Repaso a case 200 anos de bicicletas en Sabarís

O venres inaugurouse no Multiusos Mercado de Sabarís unha exposición de bicicletas clásicas e antigas organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona xunto cos coleccionistas particulares Antonio Pino Magallanes, Manuel Pazó e Luis Molist. A mostra ten ademais o obxectivo de render unha merecida homenaxe ás figuras de Alfonso González Besada do establecemento “Ciclos Palacios” da Ramallosa e a Fernando González Durán de “Bicicletas Fernando” de Baiona, por máis de medio século dedicados ao taller de alugueiro e reparación de motos e bicicletas no Val Miñor.

A exposición reúne un total de 130 bicicletas, realizando un percorrido polas que se empregaban nos oficios de outrora por exemplo as utilizadas na repartición de pan, de prensa, de correos, os repartidores de leite, a Garda Civil ou a Policía Municipal, a do sereno, o afiador, o lacero municipal ou o pregoeiro, entre outras. Podemos ver tamén as clásicas BMX dos 80. Así mesmo, conta cun apartado de bicicletas relacionadas co campo do cinema, con réplicas presentes en películas como “Sempre Xonxa”, “La Vida es Bella”, “ET, el Extraterrestre”, “Cinema Paradiso” ou “Las Bicicletas son para el Verano”. Mesmo se poden contemplar varios exemplares de 1.830, que atesouran case 200 anos.

“Moi agradecidos a Antonio Pino Magallanes pola organización desta exposición que nos trae a todos, segundo a idade que teñamos, moitos recordos, e sobre todo, queriamos homenaxear tamén a dúas lendas do Val Miñor que nos axudaron a andar en bicicleta durante moitos anos. Por unha banda, Ciclos Palacios e Dona Julia, porque ela foi tan importante como o seu marido no desenvolvemento dese negocio, e no lado de Baiona a Fernando, o das bicicletas”, destacou o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

“Cando vimos este local dixemos este é o sitio perfecto para poder expoñer a nosa colección. Si é certo que o tentabamos con outros concellos, propúxenllo poñer en Vigo pero realmente non encaixa, e no momento que llo propuxen a Poli neste caso que é o concelleiro de Cultura, viuno, gustoulle a idea e empezamos a traballar no proxecto. Espero que vos guste”, sinalou o coleccionista artífice da mostra, Antonio Pino Magallanes.

A exposición poderá visitarse ata o 12 de xuño en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 horas os luns, sábados e domingos e de 17:00 a 20:30 horas de martes a venres, sendo a entrada libre.