O alcalde de Nigrán, Juan González, preside a delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que desde a pasada fin de semana visita Guinea-Bissau para supervisar os proxectos apoiados no país lusófono en materia de saúde e obtención de auga potable. González, presidente desta entidade supramunicipal, acude xunto ao vicepresidente e edil de Cartelle, Daniel Fernández, e mais o vogal e alcalde de Cuntis, Manuel Campos, ademais dunha responsable técnica. O obxectivo é aproveitar tamén para a fortalecer a colaboración co goberno da Rexión de Cacheu, socio local nos cinco proxectos financiados cun total de 72.000 euros. A visita finalizará o 25 de maio, coincidindo co Día de África.
“Estamos colaborando cun dos países máis pobres do mundo, onde poboacións enteiras carecen de electricidade ou auga potable e a alimentación é precaria, desde o Fondo Galego estamos achegándonos ás poboacións máis remotas”, explica González, quen considera que “contextos de pobreza, desigualdade, guerras, catástrofes naturais, mobilidade humana forzada… requiren da cooperación internacional, como unha cuestión de xustiza global”, motivo polo que defende a implicación de todas as administracións, incluíndo os concellos. “Estamos a supervisar proxectos do Fondo e tamén estudando a posibilidade de realizar cooperacións directas desde o Concello de Nigrán, tal e como xa facemos cos campamentos de refuxiados saharauís”, sinala o alcalde.
A cooperación directa do Fondo Galego en Guinea-Bissau botou a andar no ano 2020, co obxectivo de reforzar a capacidade de resposta á pandemia, dotando de materiais de hixiene e protección á poboación desfavorecida a través dos 22 centros sanitarios de Cacheu (máscaras, lixivia, xel hidroalcólico, etc.). Ao mesmo tempo, distribuíronse 12.000 quilos de arroz para paliar a inseguridade alimentaria. Unhas 40.000 persoas resultaron beneficiarias destas accións, nas que se implicaron máis de setenta voluntarias e voluntarios que tamén concienciaron sobre as medidas de prevención fronte a Covid-19.
En 2022 levábase a cabo na rexión outro dos proxectos na área de saúde, concretamente para mellorar a calidade do tratamento materno-infantil en cinco infraestruturas sanitarias que atenden preto de 85.000 persoas. Deste xeito, instaláronse unha ducia de camas hospitalarias e adquiríronse equipamentos como ecógrafos, aspiradores, esterilizadoras, básculas, etc., alén de prover de electricidade e auga aos centros que carecían delas.
Nos primeiros días da visita, a delegación do Fondo Galego xa puido coñecer varias destas instalacións sanitarias e reunirse con autoridades tanto de Cacheu como de distintos sectores administrativos nos que se estrutura a rexión. Na tarde de onte desprazáronse á Illa de Pecixe, onde se desenvolveron os tres proxectos para a dotación de auga potable financiados desde 2021 e dos que se beneficiaron máis de 550 familias que viven practicamente illadas nas comunidades de Cassaca, Reno e Pessangue. Todas as actuacións contemplan a construción dun pozo cun depósito de 4.000 litros e unha motobomba alimentada por paneis solares, xunto coa canalización cara as fontes comunitarias, amais da sensibilización sobre hábitos hixiénicos e sobre o emprego correcto deste recurso. Búscase reducir así os problemas de saúde derivados da insalubridade da auga e mais os esforzos físicos realizados por parte das mulleres e a rapazada, que adoitan encargarse de recollela.
A axenda en terreo continuará hoxe mércores no Parque Natural dos Tarrafes do Río Cacheu, onde a comitiva coñecerá o programa de reforestación dos mangleiros. A finais de semana manterán asemade xuntanzas con representantes do goberno central e da Embaixada de España en Guinea-Bissau. Con toda a información recompilada sobre as principais necesidades e demandas na zona, decidiranse os futuros proxectos cos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiará o desenvolvemento do país africano.
Un dos países máis empobrecidos
Se ben a República de Guinea-Bissau vén experimentando certo crecemento grazas á subida de prezo do anacardio -a súa principal exportación-, a inestabilidade política ten sido un grave condicionante para o seu desenvolvemento. A isto súmase a destrución do tecido económico e social na guerra civil de 1998, cuxas consecuencias perduran hoxe en día, situándoo entre os dez países máis pobres do mundo. O PIB per cápita é de 753€, mentres que a esperanza de vida se acha nos 58 anos. No entanto, a riqueza natural e cultural de Guinea-Bissau supón un gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter a situación.




