O Concello de Nigrán e Noko360 organiza este sábado 25 de maio a VIII Carreira Nocturna con 500 adultos inscritos na proba Absoluta e 230 nenos na Infantil (o prazo para anotarse remata a medianoite deste mércores en www.deporticket.com). A proba, apadriñada polo ex-futbolista nigranés Jorge Otero, foi presentada esta mañá en Praia América xunto á edil de Deportes Sara Penedo, o edil de Cultura e clasificado terceiro o ano pasado, Roberto Garrido, o promotor da mesma, Dani Panteón, e o propio Jorge Otero.
A carreira consta de 5.000 metros ou 10.000 metros por asfalto (corresponde a unha ou dúas voltas) con saída e chegada desde o Campo das Redes, pasando por toda Praia América ata Lourido. A saída da carreira Absoluta é ás 21:30 horas en ambas distancias e as categorías infantís ás 20:30 horas. A proba está patrocinada por Noso Cao, Kami Pastelería, Dacss e Gadis.

