O Hospital Álvaro Cunqueiro realizou hoxe a despedida oficial dunha nova promoción de residentes que concluíron o seu período de formación como especialistas, tanto facultativos como enfermeiras. Os novos facultativos especialistas pasaron catro ou cinco anos, dependendo da especialidade, nos distintos servizos, mentres que as novas enfermeiras especialistas formáronse durante dous anos. No transcurso deste evento -presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente- os 98 novos especialistas recibiron unha copia da orla oficial, ademais dun agasallo institucional.
Formación en diferentes servizos
Os residentes que onte terminaron o seu período de formación distribúense en case todos os servizos: 1 en Análises Clínicas; 2 en Anatomía Patolóxica; 4 en Anestesia e Reanimación; 1 en Aparello Dixestivo; 1 en Anxioloxía e Cirurxía Vascular; 2 en Cardioloxía; 1 en Cirurxía Cardiovascular; 2 en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía; 2 en Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo; 1 en Farmacia Hospitalaria; 1 en Hematoloxía e Hemoterapia; 23 en Medicina Familiar e Comunitaria; 1 en Medicina Física e Rehabilitación; 4 en Medicina Interna; 1 en Medicina Intensiva; 1 en Nefroloxía; 1 en Neurocirurxía; 1 en Neurofisioloxía Clínica; 2 en Neuroloxía; 3 en Obstetricia e Xinecoloxía; 1 en Oftalmoloxía; 1 en Oncoloxía Médica; 1 en Oncoloxía Radioterápica; 1 en Otorrinolaringoloxía; 7 en Pediatría; 2 en Pneumoloxía; 1 en Psicoloxía Clínica; 1 en Psiquiatría; 4 en Radiodiagnóstico; 1 en Radiofísica Hospitalaria; 1 en Uroloxía; e 1 en Xeriatría. Tamén, concluíron a súa formación 21 especialistas en Enfermaría: 4 en Enfermaría Pediátrica, 2 en Saúde Mental, 5 en Obstetricia e Xinecoloxía, e 10 en enfermaría Familiar e Comunitaria. Nestes momentos, na Área de Vigo están a formarse un total de 514 graduados, que realizan o seu período de formación especializada tanto en hospitais como en centros de saúde.
Realidade virtual inmersiva
O acto de despedida -que foi presidido polo xerente da Área, Javier Puente- contou coa participación do Dr. Pablo Campo Prieto, fisioterapeuta especializado en envellecemento, Parkinson e novas tecnoloxías, é membro do Grupo de Investigación HealthyFit do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, cunha conferencia na que falou sobre os usos multidisciplinares da realidade virtual inmersiva nas contornas sanitarias e socio sanitarias.

