Sin categoría

O Centro de Interpretación A Foz do Miñor consegue o distintivo de Centro Azul de ADEAC

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), acaba de recoñecer ao Centro de Interpretación Ambiental A Foz do Miñor, situado na baionesa parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, o distintivo de Centro Azul. Os Centros Azuis son aqueles centros de visitantes, aulas de mar ou de natureza etc., situados en municipios con Bandeira Azul, visitables pola poboación en xeral e que inclúen entre os seus obxectivos e actividades a educación ambiental sobre os ecosistemas litorais.

O Centro de Interpretación Ambiental A Foz do Miñor está situado na primeira planta do Centro Antena de Sabarís, coñecido tamén como a Casa Rosa, e conta con material de educación ambiental como prismáticos, folletos informativos, ect. a través dos que podemos coñecer e observar a fauna e a flora autóctonas do estuario do Miñor, que forma parte da Rede Natura 2000.

Esta asociación, que ten entre os seus obxectivos promover a educación ambiental e protexer o medio ambiente, é a entidade encargada de conceder o distintivo de Bandeira Azul. Un ano máis, nos areais de Baiona ondeará este distintivo de carácter internacional, que se concede en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Baiona lucirá bandeira azul nos seus 6 areais: A Barbeira, A Concheira, Os Frades, A Ribeira, Santa Marta e A Ladeira, recuperando esta última bandeira respecto ao ano pasado.